Cargando....
Concello de Lugo
29/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo para 2013 que ascenden a 94,6 millóns de euros, un 3% máis que este ano


# Luns, 17/12/2012
O Alcalde explicou que o Concello aumenta o seu esforzo en políticas sociais e fomento do emprego e manterá conxelados os tributos municipais

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Os investimento municipal en servizos sociais supera os 7,1 millóns de euros

López Orozco anuncia que pedirá unha entrevista con Núñez Feijóo para lembrarlle a débeda de 1,9 millóns de euros contraída pola Xunta co Concello


O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, deron a coñecer hoxe o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Lugo para 2013, que foi aprobado este mediodía pola Xunta de Goberno Local e tamén foi presentado ós Grupos políticos como paso previo ó seu debate en Comisión, o día 20, data na que tamén se presentará ó Concello Económico e Social, e ó debate no Pleno previsto para o día 26.

O Alcalde anunciou que o proxecto de Presupostos para 2013 ascende a 94.673.797 euros, o que supón un incremento do 3 % con respecto ó Orzamento deste ano e explicou que con eles o Goberno local “atende o seu compromiso, como xa anunciei no Debate do estado do Concello, de darlle prioridade ás persoas máis necesitadas e que máis sofren as consecuencias da crise económica. Por elo a dúas liñas fundamentais do Orzamento son o investimento social e o fomento do emprego, nun contexto no que os Gobernos de España e de Galicia fan xusto o contrario e desenvolven políticas de recortes e falta de apoio aos que máis o necesitan”.

Indicou tamén o Alcalde que o ano que vén vai seguir diminuído a carga da débeda municipal e amosou a súa confianza en que o Congreso aprobe a solicitude que fixo a Federación Española de Municipios e Provincias para que os concellos que dispoñen de remanentes, como o de Lugo, poidan facer uso deles para investimentos, o que evitaría ter que contraer novos créditos.

Na mesma liña, o Alcalde incidiu na necesidade de que os cambios que se debaten na Lei de Bases de Réxime Local vaian acompañados dunha nova Lei de Financiamento Local, de xeito que os concellos deixen de atender competencias impropias, como ás de Educación que lle supoñen un desembolso ó Concello de Lugo de 2 millóns de euros anuais.

López Orozco tamén sinalou que as arcas municipais estarían aínda máis saneadas se a Xunta de Galicia pagara o que lle adebeda ó Concello de Lugo por impostos impagados, que a día de hoxe ascende a 1,9 millóns de euros. Neste sentido, o Alcalde anunciou que lle vai solicitar unha entrevista ó Presidente da Xunta para tratar deste asunto.

Máis investimento con tributos conxelados

Pola súa parte, a Concelleira de Economía explicou que as cifras veñen marcadas pola suba do IVE, que prexudica gravemente aos cidadáns e tamén ás arcas municipais. Estes incrementos son asumidos nas contas municipais sen subir os tributos, conxelados para o 2013 coa abstención do PP, e sen mermar nin un euro as partidas sociais nin os capítulos de investimento. En concreto, os capítulos 6 e 7 crecen un 4,2%, destacando o Plan Urban, con 4.984.000 euros de investimento.

O Concello pode afrontar os gastos de 2013 e seguir facendo fronte ás obrigas grazas a goza dunha situación financeira saneada, na que a débeda continúa na senda de redución e está previsto amortizar 5.739.000 euros mentres que está previsto contraer un novo crédito de só 1.416.000 euros. Así, tamén, os gastos financeiros experimentarán unha baixada do 19 %.

En canto á distribución do gasto, a Concelleira de Economía explicou que o Goberno local considera intocable o investimento social, nun momento no que aumentan as persoas en situación de risco de exclusión. Neste sentido destacou que “incrementamos as cifras onde sexa necesario a fin de atender ás demandas de quen máis o necesita nestes momentos”.

Sonia Méndez salientou que “o orzamento de servizos sociais superará os 7 millóns de euros en 2013, xa que ascende a 7.189.652 euros, e se incrementan considerablemente os programas de axudas a aluguer de vivenda, máis do 100%, e de emerxencia social, á que se incorpora o importe da paga extra de Nadal á que renunciaron os políticos municipais, que medra un 37% con respecto a 2012, 174% con respecto ao inicio da crise en 2008”.

En materia de emprego, indicou Méndez, “increméntamos, con fondos europeos, as cifras de fomento de emprego e programas europeos (4,7%) e de Xuventude (5,8%) con programas de formación e inserción laboral nos que os participantes, ademais de recibir formación de calidade, perciben axudas que contribúen a paliar a súa situación económica” e sinalou que “merecerán especial atención os programas de emprendemento no medio rural”.

Tamén detallou a Concelleira de Economía que “seguimos apostando pola Cultura, que sofre especialmente os recortes doutras administracións. O Orzamento de 2013, cun incremento do 8% (159.000 euros) cubrirá os gastos da nova Escola de Música, así como , de todos os museos municipais, incluíndo o necesario para a reapertura do museo de San Roque, pendente de conveniar coa Xunta de Galicia”.

Explicou ademais que “soben tamén as partidas de Infraestruturas (2,8%), Saneamento (10%) e Zona Rural (7,7%) e mantéñense as cifras de 2012 nas áreas de Seguridade, Igualdade, Educación e Deportes”.

Pola contra, explicou Méndez, “aforramos en Órganos de Goberno e Administración Xeral un 3% e o gasto en festas de San Froilán e Arde Lucus queda novamente conxelado”.

“Con estes Orzamentos somos sensibles e tratamos de responder aos problemas dos lucenses, aspirando, como sempre, a ter unha cidade mellor, con mellor calidade de vida, ao nivel doutras cidades europeas”, concluíu a Concelleira de Economía.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova