Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo denuncia que a Xunta quere retrasar outra vez o Plan Paradai


# Martes, 18/12/2012
O Concello rexeita a proposta da Xunta que pretende atrasar, de novo, a construción da Ponte Paradai

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Luis Álvarez e Sonia Méndez enmarcan esta decisión nos continuos incumprimentos de compromisos adquiridos polo Goberno galego con Lugo

A Concelleira de Economía sostén que as críticas que agora fai o PP á rehabilitación do Vello Cárcere son unha cortina de fume para disimular que a Xunta non fai nada en Lugo



O Concello de Lugo denunciou hoxe o novo intento da Xunta de Galicia de retrasar o Plan Paradai.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deu conta esta mañá de que a Xunta vén de propoñerlle ó Concello a sinatura doutra addenda ó convenio do Plan Paradai, que supón un retraso máis neste proxecto.

Este novo cambio proposto pola Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, órgano que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, supón investir só 355.000 euros no ano 2013 para a construción da Ponte Paradai e deixar para 2014 o groso do investimento, 3,2 millóns de euros.

Este retraso anúnciase só uns meses despois de que a Consellería decidira, este verán, modificar unilateralmente o convenio do Plan Paradai, aludindo á “situación económico-financeira actual”. Ese cambio respecto do previsto contemplaba exclusivamente a execución das obras da actuación “Ponte Paradai-Serra de Meira, fase 1ª”, cun investimento total de 3.557.670 euros repartidos nas anualidades de 2012 (1.057.670 euros) e de 2013 (2.500.000 euros).

Luis Álvarez manifestou que esta nova proposta da Xunta “supón retrasar dous anos máis esta infraestrutura” e xa anunciou que o Concello non acepta esta nova demora nun proxecto que acumula moitos anos de retraso, polo que o Concello non vai asinar esa proposta coa que a Xunta volve prexudicar os intereses de Lugo.

“O Concello de Lugo non vai asinar de ningunha maneira esta proposta que carece de sentido, prexudica os intereses da cidade e enmascara a verdadeira incapacidade desta Xunta de Galicia, líder en innovación contable do Estado”, explicou Álvarez.

“É evidente que este retraso non é do Concello de Lugo, senón que é da insolvencia económica da Xunta de Galicia e teñen a desfachatez de fundamentar este novo retraso en que, unha vez feito o replanteo da obra, se comprobou que había unha casa apuntalada, cando o verdadeiro motivo deste retraso é que a Xunta non ten a máis mínima intención de facer un investimento que supoña un avance para esta cidade”, declarou o Voceiro do Goberno local.

Logo deste novo incumprimento das promesas da Xunta, Álvarez animou ó PP a incluír no programa do Congreso que van celebrar en Lugo unha xira por todos os compromisos incumpridos pola Xunta na nosa cidade e propuxo “ós señores do Partido Popular, que nos van honrar coa celebración do seu Congreso, no mes de xaneiro, que fagan unha tournée pola cidade, para visitar as obras do novo Auditorio e digan ‘aquí íamos facer un Auditorio’, que visiten o Cuartel de San Fernando e digan ‘aquí íamos facer o Museo da Romanización’, e os terreos de Paradai e digan ‘aquí íamos facer unha ponte’ ”

Boicot do PP a proxectos para mellorar Lugo

Pola súa parte, a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, chamou a atención sobre o boicot do Voceiro municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, a proxectos que se levan a cabo na cidade.

Sonia Méndez manifestou que Castiñeira agardou ó último momento, cando se está a punto de adxudicarse o proxecto de rehabilitación do Vello Cárcere, para cuestionar este proxecto e asegurou que o verdadeiro motivo desas críticas é que o Voceiro do PP intenta disimular que a Xunta non fai nada en Lugo.

“O único que pretende con esta actitude é encubrir que a Xunta non está a facer nada na nosa cidade, pretende disimular a falta actuacións da Xunta, véxase o Museo da Romanización, o Auditorio ou o Plan Paradai“, razoou a Concelleira de Economía quen concluíu que “Jaime Castiñeira actúa como un Don Non, non ó Museo Interactivo da Historia de Lugo, non ó Parque Rosalía de Castro, non á Praza de San Marcos e, agora, tamén non á rehabilitación do Vello Cárcere”.

Méndez lembrou que o proxecto para a rehabilitación do Vello Cárcere foi aprobado con todos os parabéns técnicos, mesmo da propia Xunta de Galicia, a través da súa Comisión de Patrimonio.

“Por descontado o proxecto ten todos os parabéns, os informes favorables dos técnicos municipais, que é a quen corresponde dicir se un proxecto se axusta á legalidade así que, unha vez máis, o PP cuestiona ós funcionarios do Concello, pero esta vez vai máis aló e mesmo lle enmenda a plana á Xunta de Galicia, xa que este proxecto tamén recibiu os parabéns da Comisión territorial de Patrimonio pertencente á Consellería de Cultura”, explicou a Concelleira de Economía.

Ademais, Méndez lembrou que o proxecto foi elixido mediante un concurso e o xurado contou coa participación de arquitectos que representaron á Universidade, o Colexio de Arquitectos e a Comisión de Patrimonio. “O xurado escolleu este proxecto porque foi o que tiña menos impacto e preservaba a estrutura orixinal do edificio, que é un ben incluído no inventario do Patrimonio Cultural de Galicia”, explicou Sonia Méndez, “mentes Castiñeira, que tamén formou parte do xurado, quería outro con moito maior impacto”.

Por último, Sonia Méndez destacou que, ante as declaracións que fixo Jaime Castiñeira na Mesa de Contratación, os informes técnicos que avalan o proxecto foron ratificados por escrito e reiteraron que este cumpre a normativa urbanística de aplicación, que é o PXOM; se cumpren todas as ordenanzas do Plan Xeral, e conta, ademais, co informe favorable da Comisión de Patrimonio Histórico, que analizou, tamén, a reordenación de cubertas. 
 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova