Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O último número da revista de creación poética "Xistral" presentouse hoxe no Concello


# Xoves, 20/12/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, presidiu esta tarde a presentación do último número de da revista de creación poética Xistral. O acto tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e nel participaron, tamén, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Coordinador da publicación, Camilo Gómez Torres. Estiveron presentes, ademais, outros membros da Corporación municipal.

Na súa intervención, o Alcalde salientou a importancia desta revista, que xa chegou ó seu número 15, para a difusión da poesía galega, precisamente nunha época na que “o idioma galego non pasa polo seu mellor momento”.

O Alcalde agradeceu “o labor desinteresado en favor dun tesouro que temos os galegos, como é a nosa lingua, que fan todos os colaboradores desta publicación” e asegurou que o Concello de Lugo mantén vivo o seu compromiso coa lingua e coa continuidade da revista Xistral, que dá cabida “a todos aqueles que teñen algo que dicir no panorama da poesía galega”.

López Orozco tamén se referiu, na súa intervención, ó feito de que a elaboración deste número produciuse durante o mandato do anterior Concelleiro de Cultura, Antón Bao, que tamén asistiu ó acto.

Pola súa parte, Camilo Gómez sinalou que “Xistral está aquí grazas ó financiamento do Concello de Lugo e grazas ós seus colaboradores, que pertencen a todas as xeneracións”. Así, indicou que a autora máis nova que publica neste número ten 16 anos e outros colaboradores xa cumpriron os 70.

Sinalou, tamén, que “dos 113 colaboradores, 54 publicaron os seus primeiros versos en Xistral” e destacou a importante presenza de voces femininas na revista, xa que 50 mulleres teñen publicado nela os seus poemas.

Elo débese, segundo manifestou Camilo Gómez a que no espírito da revista Xistral está “a conciliación de todas as idades, opinións e tendencias”.

O acto rematou coa lectura dalgúns dos poemas publicados neste último número da publicación.

Os poetas

No número 15 de Xistral. Revista Lucense de Creación Poética publícanse poemas de Natalia Alonso Ramos, Inma Alonso Rodríguez, Carlos Arias, Lupe Bao, Xosé Blázquez, Luís M. Bugallo Paz, Joaquín Carballido Parra, Marina Cillero, Cristina Corral Soilán, Jesús Corredoira, Soraya Cortiñas Ansoar, Alicia Chao Penela, José Estévez López, Mª Sara Fernández, Susana Ferreiro Mediante, Adela Figueroa, Antón Fortes, Ana Mar Fraga, Xosé Lois García, Naír García Abelleira, Teresa Gómez Senra, Eva González Álvarez, Ramón González González, Baldomero Iglesias (Mero), Emilio Xosé Ínsua, Ángel Lamas Muinelo, Lomarti, Miguel Anxo Macía, Manuel C. Matalobos, Enrique Mora Morandeira, Manuel Xosé Neira, Xoán Neira, Isidro Novo, Toño Núñez, Xosé Otero Canto, Jesús Alfonso Parada Jato, Vicente Piñeiro, Xerardo Quintiá, Andrei Quintiá Pastrana, Xesús Rábade Paredes, Francisco Javier Reija Melchor, Claudio Rodríguez Fer, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Rodríguez Porto, Daniel Salgado, Jacobo Sánches Quintela, Saturnino Valladares, Diana Varela Puñal, Lois Vázquez Fernández, Antonio Vázquez Tierra, Elvira Veloso e Helena Villar Janeiro.

Coñeza as publicacións da Concellería.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova