Imprimir

A CONCELLEIRA DE CULTURA INAUGUROU HOXE A FEIRA DE ARTESÁNS ARTENADAL INSTALADA NA PRAZA DA SOIDADE


21/12/2012 38 artesáns ofrecen os seus produtos neste mercadiño que estará aberto ata o día 5 de xaneiro 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a Presidenta da Asociación de Artesáns Artimaña, Belén Gayoso Morandeira, inauguraron hoxe a X Feira de Artesáns ArteNadal que abriu as súas portas esta mañá na Praza da Soidade.

Basadre destacou que a feira xa forma parte das tradicións coas que celebramos o Nadal en Lugo e expresou o apoio do Concello ós artesáns que ofrecen nesta mostra unha gran variedade de produtos feitos en distintos materiais e para todos os públicos, polo que animou ós lucenses a achegarse pola feira para escoller os seus agasallos de Nadal.

Este ano Artenadal chega á súa décima edición e consta de 22 postos de artesanía nos que ofrecen os seus traballos un total de 38 artesáns de Galicia, Ponferrada e Asturias.

A feira permanecerá aberta ata o sábado 5 de xaneiro de 2013, en horario de
11.00 a 14.30 de 17.00 a 21.00 horas, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, que estará pechada.

Oferta variada

Os visitantes da feira atoparán nela gran variedade de obxectos de regalo feitos artesanalmente. Os postos que participan este ano son os seguintes: Carracedo e Poy con instrumentos musicais, talla de madeira e cerámica; As Consentidas con xabróns, cestería e productos navideños; O Sapochosco con produtos en cartón pedra e pasta de cerámica; Lohizo especializado en xoiería en metal e panos de seda pintados; A luz de… Dekñitas con vidro e artesanía con cañas de beber; Mico especializado en coiro pintado; Khipu que terá productos elaborados con macramé; Rosa Higuero con xoias en prata; Inspiralia con produtos de alpaca e calceta; Fonte Meimil que traballa o coiro; Verde Darien con macrame e metais; Magma de arte en vidro; Ovella Viva que presenta técnicas de lá; Afeitura de xoiería en prata; Pilar que expón produtos de costura e roupa tradicional; Imavi con bisutería de cerámica; Xoguetes Trebello que ten unha amplia variedade de xoguetes de madeira; Noutrora especialista en coiro e fundas de instrumentos; Maravalla con produtos de fimo; Sánchez e Ramón traballan a cana de bambú e coiro; Feitizo que elabora pezas de artesanía con cravos de ferrar; e Licores Os Maios que terán a venda licores artesanais.

Durante a feira, ademais de postos de venda, tamén haberá actividades e actuacións musicais, ademais do IV Concurso de Fotografía ArteNadal que organiza a asociación Artimaña, en colaboración co Grupo Fonmiñá, co fin de provomer e estimular a arte fotográfica da cidade de Lugo e a arte mostrada na feira de artesáns.