Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo adicará en 2013 máis de 7,1 millóns de euros a servizos sociais e asume prestacións que recortaron a Xunta e o Estado


# Venres, 28/12/2012
O Concello investirá 80.000 euros na compra de alimentos que distribúe o Fogar do Transeúnte

A Concelleira de Servizos Sociais anuncia a concesión de subvencións por importe de 81.500 euros a sete ongd para cooperación e sensibilización social


A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, manifestou hoxe que o Concello de Lugo aumenta os recursos económicos que adicará no ano 2013 as prestacións sociais e terá que asumir os investimentos que deixan de facer nesta materia tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central.

González Abelleira explicou que o Concello adicará por primeira vez máis de 7 millóns de euros a servizos sociais nos Presupostos de 2013. Concretamente, as partidas adicadas a esta área nos Orzamentos municipais aprobados este mércores pola Corporación suman un importe de 7.189.652 euros. Con este diñeiro o Concello mantén todos os servizos que presta a administración local e, ademais, asume os que deixan de prestar a Xunta e o Estado, en servizos como o de teleasistencia domiciliaria do que se benefician persoas maiores que viven soas.

Por este motivo, a Concelleira de Servizos Sociais afirmou que “é unha desfachatez que o Voceiro do PP, Jaime Castiñeira, fale de recortes nas partidas adicadas ós servizos sociais nos Orzamentos do Concello de Lugo” e engadiu que “eu creo que o señor Castiñeira está falando doutros Orzamentos, que poden ser os da Xunta de Galicia, porque nós non diminuímos ningún programa nin servizo, ó contrario aumentamos a partida de vivenda, que se duplica con 150.000 euros máis para facilitar o acceso a vivenda a persoas que non teñen recursos, e aumentamos tamén outras partidas para cubrir os recortes que fan a Xunta e o Estado, como a teleasistencia ou o Plan concertado que se viu moi mermado polo recorte dun 80% que fixo a Xunta e o Concello ten que asumir ese gasto para que seguir atendendo ás persoas que o necesitan”.

González Abelleira tamén desmentiu a Castiñeira respecto do gasto na compra de produtos alimenticios para o Fogar do Transeúnte que, tal como figura no Presuposto será de 80.000 euros, 60.000 nunha partida adicada á compra directa de alimentos e outros 20.000 que se investirán na adquisición de comidas xa preparadas a través dun servizo de cátering, tal como solicitaron os propios traballadores do Fogar do Transeúnte para poder atender cos medios humanos existentes a distribución de alimentos ante o incremento da demanda que rexistran estas instalacións municipais.

81.500 euros en achegas a ongd

Por outra parte, a Concelleira de Servizos Sociais anunciou hoxe a concesión de subvencións por importe de 81.559 euros a sete ongd para proxectos de cooperación ó desenvolvemento e sensibilización social.

As achegas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento suman un importe de 70.500 euros, que foron concedidas á Fundación Amigos da terra Galicia, para mellora das condicións medioambientais e de seguridade alimentaria de 176 familias en Nicaragua, a Asociación de solidariedade cos traballadores dos países empobrecidos (Sotermun) para mellora das prestacións en saúde materno-infantil en Togo, á Asociación colaboración e esforzo (Acoes-A Coruña) para construción de dúas aulas escolares en Honduras, á Fundación Taller de Solidariedade para mellora das condicións de habitabilidade e salubridade de familias de Nicaragua e á Asemblea de cooperación pola paz para mellora da produción apícola nunha comunidade de Túnez.

Os restantes 11.059 euros adícanse a dous proxectos de sensibilización social que desenvolverán a Asociación Viraventos e a Fundación Xóvenes e Desenvolvemento. 

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova