Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco reivindica o papel dos Alcaldes no acto oficial da festividade de San Xiao celebrado en Ferrol


# Luns, 07/01/2013
O Alcalde encabezou a representación de Lugo no actos organizados polo Concello de Ferrol nos que se renovou o irmanamento das dúas cidades

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiron este luns o acto institucional organizado polo Concello de Ferrol con motivo da festividade de San Xiao, no que as dúas cidades renovaron o seu irmanamento.

López Orozco encabezou a delegación do Concello de Lugo da que formaron parte os Concelleiros de Servizos Xerais, Francisco Fraga; Medio Ambiente e Axenda 21, Lino González Dopeso; Servizos Sociais, Ana González Abelleira, e de Educación, Esther Muñoz, xunto con outros membros da Corporación municipal.

O acto tivo lugar esta mañá no Teatro Jofre da cidade ferrolá e nel foron entregadas as distincións de “Ferrolán do Ano” e da Insignia de Ouro do Ferrol. Nesta edición, os galardóns foron entregados polos dous rexedores á Sociedade Empresarial Galictio, formada polas firmas comerciais Indasa, Gabadi, Electrorayma e Tecnimo, mentres que o profesor e investigador ferrolán Luis Alonso Girgado; o Pantín Classic e a Asociación Sociocultural de Minusválidos, recibiron as ditas insignias de ouro.

No discurso que pronunciou durante o acto, López Orozco coincidiu co Alcalde de Ferrol na importancia de que as dúas cidades teñan “uns obxectivos claros que conquistar”. Salientou, tamén, que é necesario transmitir “esperanza á sociedade nun momento de tanta preocupación como o que vivimos, pero no que debemos ser conscientes de que só se sae adiante co empuxe de todos, traballando xuntos e sen terlle medo ó futuro” e considerou que tanto Lugo como Ferrol, teñen que aproveitar a oportunidade de colaboración que supón a conexión das dúas cidades, así como de Vilaba e As Pontes por autovía.

López Orozco reivindicou, ademais, o traballo que fan os alcaldes nun momento, dixo, “no que parece que hai quen ten interese en converternos ós alcaldes en culpables máximos da situación do país e iso non é certo, xa que os Alcaldes temos responsabilidade, como todos, pero as estatísticas demostran que non somos os grandes derrochadores que algúns parecen facer ver”. Neste sentido, o Alcalde de Lugo animou ó rexedor de Ferrol, que tamén é o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, a que “sigas reivindicando o papel dos alcaldes e as alcaldesas que traballamos no desenvolvemento dos nosos concellos e queremos seguir traballando a pesar de que temos moi poucos vimbios, porque só se está a falar do déficit e o máis fácil para non ter ningún déficit é non facer nada, pero nós non podemos porque a nosa porta sempre chaman as persoas que máis o necesitan e o que debemos facer é traballar unidos, esquecendo os localismos”.

Tanto o Alcalde de Lugo como o de Ferrol puxeron ós galardoados hoxe como exemplo dos méritos e valores de esforzo e traballo, que deben servir de exemplo para toda a sociedade.

Ademais, José Manuel Rey destacou que “o naval e o mar son o noso principal motor económico”, renovou o compromiso da Corporación ferrolá na recuperación do sector naval e fixo un chamamento “á unidade fronte á división”.

A distinción de “Ferrolán do Ano 2012” foille entregada a Galictio en recoñecemento a súa labor de expansión na procura de novos mercados no exterior ante a falta de carga de traballo dos estaleiros da ría de Ferrol. Nesta liña, cómpre subliñar que Galictio formouse para desenvolver proxectos navais en países emerxentes como Uruguai e Brasil. Así, no primeiro destes países a devandita sociedade empresarial está construíndo tres barcazas para o transporte de madeira, desprazando a máis de unha trintena de operarios –entre mandos e operarios-. A primeira das barcazas foi botada o pasado mes de xullo en Montevideo, con presenza do presidente da República de Uruguai, José Múgica. A segunda das unidades que constrúe Galictio para Uruguai botarase en marzo e a terceira en agosto. Ao mesmo tempo, esta firma ten presenza en Recife (Arxentina) e Suape (Pernambuco, Brasil), lugares onde presta actividades de colaboración no ámbito naval.

Ademais foron recoñecidas coa Insignia de Ouro do Ferrol o mestre e investigador ferrolán Luis Alonso Girgado, que viviu e deu clase durante sete anos na cidade de Lugo; a Pantín Classic, campionato de surf que este ano celebrouse o seu 25 aniversario e neste tempo consolidouse como unha das probas máis importantes no circuíto mundial desta modalidade deportiva, e a Asociación Sociocultural de Minusválidos, entidade sen ánimo de lucro que desde hai 25 anos traballa a prol da integración das persoas con discapacidade nos aspectos de accesibilidade, a práctica de deportes, a formación e a orientación e intermediación laboral, transporte e voluntariado.

Os actos institucionais remataron contra das dúas da tarde logo da actuación da Banda Ferrolá de Música coa tradicional degustación de arroz con leite.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova