Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ORGANIZA UN CURSO DE PROTOCOLO E ORGANIZACIÓN DE EVENTOS


7/1/2013 Está orientado a mozos e mozas menores de 35 anos que se poderán inscribir gratuitamente ata o 24 de xaneiro

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou esta mañá un curso de Protocolo dirixido aos mozos e mozas de Lugo e no que estivo acompañada pola especialista que o impartirá, Ana María Andrade Díaz, Graduada en Protocolo e Organización de Eventos.

O curso terá unha duración de 20 horas e realizarase os luns, mércores, e venres dende o 28 de xaneiro ó 18 de febreiro en horario de 19.30h a 21.30h. A matrícula será gratuíta.

Carmen Basadre explicou que “o curso está dirixido a mozos e mozas licenciados ou diplomados e profesionais do sector menores de 35 anos” e insistiu en que “é unha maneira de que poidan especializarse nunha materia que tamén lles pode servir para atopar un emprego”. O prazo de inscrición, que poderá facerse a través do 010, estará aberto dende hoxe ata o día 24 de xaneiro e conta cun máximo de 25 prazas.

O curso de Protocolo está dividido en catro bloques: o primeiro deles versará sobre a introdución á normativa do protocolo oficial; no segundo dos bloques estudarase a figura do anfitrión, as bandeiras ou o tratamento de autoridades; no terceiro dos bloques farase unha introdución ao protocolo de empresa e organización do manual interno dunha empresa ou a xestión de zonas VIP; finalmente tamén se estudará o protocolo internacional, as visitas diplomáticas e as visitas de Estado.