Cargando....
Concello de Lugo
29/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aposta pola consolidación do persoal laboral nun momento no que outras administracións optan polos despidos de traballadores públicos


# Mércores, 09/01/2013
Luis Álvarez anuncia que a semana que vén comezará a negociación da Relación de Postos de Traballo do Concello

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Voceiro do Goberno local tamén informou do comezo das obras do alumeado no treito peonil da Ronda da Muralla e deu conta das xestións feitas polo Concello en cumprimento dos acordos da Comisión de desafiuzamentos

O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, anunciou hoxe que a semana próxima comezará a negociación da nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Lugo que inclúe aspectos tan importantes como o plan de emprego do Concello, coa conseguinte reorganización da plantilla municipal, ou a funcionarización do persoal laboral. Esta última cuestión ten grande relevancia para os traballadores laborais, especialmente neste momento, xa que este proceso permitirá darlle estabilidade no emprego precisamente nunha época na que outras administracións optan por despedir traballadores públicos.

Álvarez explicou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, que o vindeiro martes comezarán as reunións negociadoras coa Xunta de Persoal, reunións que se repetirán semanalmente, para concluír todo o traballo relacionado coa RPT do Concello.

”Este é un documento de vital importancia para a organización de todo o persoal desta institución, que vai máis aló dos aspectos salariais, xa que inclúe outros aspectos tan fundamentais como o Plan de emprego do Concello”. Neste sentido, explicou que “se vai levar a cabo o dimensionamento do plantel municipal, o que supón a creación de novos postos, a supresión dalgúns e a readscrición doutros, é dicir, unha reorganización completa do cadro de persoal para adecuar a súa dimensión ás necesidades de funcionamento eficiente da Corporación municipal”.

Na negociación tamén se abordarán, segundo anunciou o Voceiro do Goberno local, “temas como a consolidación de emprego, algo tan demandado como é a funcionarización, un tema que preocupa extraordinariamente neste momento ó colectivo de persoal laboral, porque, como é sabido, algúns concellos están levando a cabo procesos de despidos deste persoal en virtude da nova normativa estatal que así o permite, polo que é de fundamental importancia neste intre darlle estabilidade a este colectivo”.

“É do máximo interese para o Goberno local levar a cabo esta negociación, que tamén incluirá temas como a promoción interna e a formación do persoal municipal, e facelo no menor tempo posible, dándolle participación ós representantes dos traballadores”, concluíu Luis Álvarez.

Alumeado no treito peonil da Muralla

O Voceiro do Equipo de Goberno tamén informou de que xa comezaron as obras de instalación do alumeado no treito peonil da Ronda da Muralla.

Con estes traballos complétase o proxecto de humanización da zona da Ronda da Muralla comprendida entre a rúa Vilalba e a praza da Constitución.

Esta última fase do proxecto, que desenvolve a Concellería de Infraestruturas e que foi iniciado cando era titular da Concellería Paz Abraira, consiste na instalación de quince luminarias ornamentais de fundición.

Xestións contra os desafiuzamentos

Ademais, Álvarez explicou as xestións feitas polo Goberno local trala creación da Comisión de desafiuzamentos. Neste sentido, informou de que, tal como acordara a Comisión, o Concello dirixiuse a 23 entidades bancarias e pediulles a paralización de procesos de desafiuzamento en marcha e información dos procesos que teñen pendentes en Lugo. De momento, só se recibiu resposta de unha delas.

Ademais o Concello está a ultimar a tramitación dun convenio co Colexio de Avogados de Lugo, que tomou como modelo o convenio existente en Ourense ó que se lle fixeron algunhas melloras, que se darán a coñecer tan pronto se aprobe.

O Concelleiro de Urbanismo indicou que “o retraso na resposta das entidades bancarias e a necesidaria seguridade xurídica no convenio co Colexio de Avogados motivan que non se convocara de momento a Comisión, por carecer da información necesaria para que esa Comisión sexa eficaz”.

En todo caso, destacou Luis Álvarez, “é importante suliñar que elo non impide que, mentres tanto, o Concello siga a prestar o apoio preciso ás persoas que requiren da axuda da administración municipal”.

Críticas do PP ós voluntarios de Protección Civil

A preguntas dos xornalistas, o Voceiro do Goberno Local rexeitou o intento de descrédito por parte do PP do servizo de Protección Civil. Álvarez acusou ó PP de protagonizar un “intento de perturbar o funcionamento deste servizo voluntario e de denostar un colectivo no que colaboran, dun xeito desinteresado, sen ningún tipo de retribución, arredor de 400 persoas, que desenvolven o seu traballo como voluntarios para protección de todos os lucenses”.

Tamén explicou que “no momento no que foron presentados eses escritos fixéronse as averiguacións e nesa investigación non se constatou ningunha irregularidade”, nin tampouco se constatou que ningún voluntario de Protección Civil conducira vehículos deste servizo baixo os efectos do alcol. “De feito, as propias persoas que presentaron eses escritos din que que non poden probar as súas afirmacións, o que parece un indicio relevante da solvencia destas denuncias”, sinalou Luis Álvarez.

O Voceiro do Goberno local explicou, ademais, que “si se ten constatado que, efectivamente, unha persoa empregou un vehículo de Protección Civil para ir ó seu domicilio ó rematar a súa participación, voluntaria e non retribuída, nun dispositivo que acabou ás 2 da madrugada cando esa persoa tiña que presentarse no seu traballo ás 9 da mañá do día seguinte, polo que parece esaxerado converter un uso anecdótico dun vehículo oficial e xeneralizalo, como parece facer o Partido Popular”.



Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova