Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo asinou un convenio coa Deputación para que 350 lucenses maiores que viven sós non queden sen o servizo de teleasistencia domiciliaria


# Luns, 21/01/2013
O Concello asume a metade do presuposto deste servizo que deixou de financiar o Goberno de España e adicará a este fin unha partida de 70.000 euros

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde apoia a decisión veciñal de dar tres meses de prazo á Xunta para a creación de Radioloxía, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA co fin de equiparar os servizos sanitarios dos lucenses cos que teñen o resto dos galegos

López Orozco aconséllalle a Feijóo que se preocupe dos problemas que ten o PP no lugar de darlle leccións ós outros partidos


O Alcalde, José López Orozco, asinou hoxe un convenio coa Deputación para garantir a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria no concello de Lugo unha vez que o Goberno retirou a súa achega económica coa que se financiaba a metade do custe deste servizo.

O Alcalde manifestou que a sinatura deste acordo é moi importante para os veciños de Lugo, xa que no noso concello damos atención a 350 persoas maiores que viven soas” e destacou que a teleasistencia domiciliaria “financiábase con cartos da Deputación e do Goberno de España que agora parece estar a outras cousas”.

“No Concello non queremos deixar tirado a ninguén e firmamos este convenio con moito cariño, porque nos damos conta da seguridade que lles dá a estas persoas ese servizo e esperamos poder atendelas nas mellores condicións”, explicou López Orozco.

O Concello adicará este ano unha partida de 70.000 euros para asegurar que os 350 lucenses usuarios do servizo poidan continuar desfrutando del. Na súa maioría son mulleres de máis de 70 anos que viven soas e que teñen algún problema físico.

O obxecto do convenio de colaboración, que asinaron o Alcalde e o Vicepresidente da Deputación Antón Veiga, é fixar as liñas de mantemento do servizo de teleasistencia domiciliaria.

O Concello farase cargo do 50% do investimento que deixou de aportar o Goberno para garantir o acceso dos veciños a este servizo público e que teña continuidade un servizo moi importante para as persoas maiores que viven soas.

Ata que o Goberno decidiu deixar de facer a súa achega económica o servizo de teleasistencia domiciliaria veuse prestando na provincia de Lugo a través dun convenio de colaboración entre o IMSERSO, a Deputación Provincial de Lugo e a Federación de Municipios e Provincias (FEMP) para o desenvolvemento dun programa de teleasistencia domiciliaria, convenio que se mantivo vixente en virtude das súas sucesivas prórrogas anuais, e en concreto no ano 2012 a través dunha subvención nominativa a favor da FEMP incluída nos Orzamentos xerais do Estado, con cargo aos orzamentos e dotacións do IMSERSO.

O Concello de Lugo sumouse a esta iniciativa, na que tamén participan outros concellos da provincia que se comprometen, xunto coa Deputación provincial, a garantir un financiamento suficiente e estable para unha eficaz e eficiente prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria.

O custo total do proxecto no conxunto da provincia prevese nun máximo de 336.000 euros para o exercicio 2013.

A achega municipal será do 50% do custo total do servizo contratado que se reparte entre cada un dos concellos en función do número de usuarios da teleasistencia domiciliaria e a Deputación aportará o outro 50 % ata un máximo de o 168.000 euros.

Lugo reclama os mesmos servizos sanitarios que o resto de Galicia

O Alcalde tamén considerou un éxito a concentración cidadá celebrada onte para reclamar que Lugo dispoña dos servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica que prometera poñer no Hula o Presidente da Xunta.

López Orozco destacou que só o feito de que se convocara a concentración veciñal xa deu un resultado, aínda que insuficiente. Por elo expresou o seu apoio ó anuncio que fixeron onte os convocantes de darlle á Xunta 3 meses de prazo para que poña en marcha os tres servizos, que lle foron prometidos a Lugo e cos que xa contan o resto dos galegos.

O Alcalde opina que a de onte foi unha mobilización moi importante “porque na consecución destes servizos nos vai a saúde e ninguén estamos libres de necesitar deles”.

Os problemas do PP

A preguntas dos xornalistas, López Orozco aconselloulle a Feijóo que se preocupe dos problemas que ten o Partido Popular no lugar de tentar darlle leccións ós outros partidos políticos.

“Que se preocupe do seu, que explique todo canto está saíndo estes días nos medios de comunicación, que da unidade do noso partido xa nos preocuparemos os socialistas”, manifestou e sinalou tamén que, no PSdeG “non temos a uniformidade propia dos cemiterios, nós temos a oportunidade de expresarnos e dar a nosa opinión e, no momento de traballar, hai total unidade”.

Polo tanto, asegurou, “non nos teñen que dar ningún tipo de lección, que se dean unha voltiña pola súa casa e xa verán as cousas que van atopar”.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova