Imprimir

A COMISIÓN DE DESAFIUZAMENTOS REUNIUSE ESTA TARDE NO CONCELLO


21/1/2013

O Alcalde, José López Orozco, presidiu esta tarde a xuntanza que celebrou a Comisión de desafiuzamentos, na que tamén participaron os Concelleiros de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, e de Servizos Xerais, Francisco Fraga, .

A Comisión está formada por membros de todos os Grupos políticos municipais así como por representantes da Federación de Veciños, Unave, Cogave, Agrupalugo, da plataforma Stop desahucios, Adicae.

Na xuntanza, o Alcalde deu conta das xestións realizadas polo Goberno local trala creación da Comisión de desafiuzamentos. Tal como se acordara naquela primeira reunión, o Concello dirixiuse a 23 entidades bancarias e pediulles a paralización de procesos de desafiuzamento que puideran ter en marcha no municipio de Lugo e tamén lles requiriu información sobre os desaloxos que teñen pendentes por impago de vivendas. De momento, só dúas das entidades responderon a este requirimento e hoxe acordouse dirixirse de novo ás que teñen pendente a súa resposta para que dean a información demandada no prazo de doce días.

Ademais o Concello xa ultimou a tramitación dun convenio que se vai asinar co Colexio de Avogados de Lugo por medio do cal esta entidade facilitará asesoramento gratuíto previo ó procedemento xudicial ás persoas que se vexan afectadas por un procedemento de desafiuzamento da súa vivenda.

Esta axuda xurídica do Colexio de Avogados ós lucenses que poidan sufrir este tipo de problema complementará o apoio que xa ofrecen a quen o precise os Servizos Sociais municipais.

Precisamente para atender este tipo de situacións, o Goberno local acordou incorporar o importe da paga extra de Nadal á que renunciaron voluntariamente os membros da Corporación municipal de Lugo á partida de Emerxencia social, a través da cal o Concello ofrece axuda ós veciños que non poden correr cos gastos da súa vivenda.

A Comisión acordou tamén instar á Xunta de Galicia a que exerza as súas competencias nesta materia. Tocante ó Concello, farase un estudo sobre a posibilidade de poñer a disposición das familias desafiuzadas as vivendas de emerxencia social, asía como estudar a posibilidade legal de establecer bonificacións para este colectivo nas taxas e prezos públicos nas Ordenanzas fiscais.

Ademais acordouse a organización de charlas informativas e a distribución de dípticos para divulgar os recursos dos que se poden beneficiar as persoas que se vexan nesta difícil situación.

A vindeira reunión da Comisión de desafiuzamentos celebrarase o día 18 de febreiro.