Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo e membros da Corporación Municipal visitaron as obras do Vello Cárcere que o converterán nun centro cultural


# Xoves, 24/01/2013
A licitación da segunda fase do proxecto ten un presuposto de 2,2 millóns de euros que financia o Plan Urban

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Esta actuación ofrecerá servizos culturais ao centro da cidade e será un lugar de referencia para os veciños


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e membros da corporación municipal realizaron esta mañá unha visita ás obras que se están realizando no Vello Cárcere e coas que se converterán nun centro cultural.

Antes de comezar a visita, que estivo guiada pola arquitecta Covadonga Carrasco, López Orozco manifestou que “se trata dunha obra moi importante para Lugo xa que vai quedar no centro da cidade unha dotación cultural e social que lle vai dar un bo servizo ao centro e imos recuperar un edificio moi importante tanto a nivel urbanístico e histórico, é un avance e merece a pena facer o esforzo que estamos facendo para que un centro que no seu momento foi de dor, pase a ser un centro de vida e cultural”.

Esta obra está dividida en dúas fases, a primeira delas foi adxudicada á UTE GGaldiano-ZUT en 2.318.000 euros, o que supuxo un aforro de 1.361.000 euros sobre o prezo de licitación. As obras desta primeira fase inclúen o patio do Vello Cárcere que se vai transformar nunha zona para exposicións e eventos, as antigas celas de homes que se situaban no espazo circular que dá ao patio, e as celas de mulleres que están nun módulo tralas celosías que dan ó patio central. Tamén se inclúe o módulo traseiro, que se destinará a estudo e exposición dos restos arqueolóxicos da cidade.

O custe total do proxecto para a rehabilitación do Vello Cárcere, que se financia con fondos do Plan Urban, ten un presuposto de 4,6 millóns de euros e é de especial importancia xa que supón a rehabilitación dun edificio emblemático que foi o antigo cárcere do partido xudicial de Lugo e nos últimos anos albergou a sede da Policía Local.

O Alcalde de Lugo, destacou tamén que as achegas da Unión Europea, a través dos Fondos FEDER, da Deputación provincial e do Concello fan posible acometer esta importante actuación que supón, xunto coa rehabilitación dun edificio emblemático da cidade, a creación dun centro cultural no centro histórico e tamén está a xerar emprego.


2º Fase do Proxecto

José López Orozco tamén anunciou que se están ultimando os trámites administrativos e comprobando que as ofertas non incorren en baixa temeraria, para a adxudicación da segunda fase das obras do Vello Cárcere. Unha convocatoria na que foron admitidas 47 empresas e excluídas 3 porque non cumprían os requisitos. Delas a mellor oferta presentouna El Corte Inglés cun presuposto de 1.266.916 euros, o prezo de partida era de 2.225.879 euros.

O proxecto para esta segunda fase prevé a creación dunha zona de recepción, un punto de información, unha tenda de produtos relacionados con Lugo e coas exposicións que se fagan no novo Centro cultural. Tamén haberá unha pequena biblioteca e un auditorio con 137 prazas dotado con escenario, vestiarios e cabina de control. Este auditorio facilitará a organización dalgúns actos que agora se celebran no Salón de Plenos da Casa do Concello, como a presentación de libros, e tamén para audicións ou representacións, coa vantaxe do seu emprazamento no centro. Outro servizo co que se dotará ó edificio, aproveitando a súa proximidade ó Casco histórico, é unha cafetería con terraza e miradoiro que irá situada na última planta.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova