Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Comisión municipal de tráfico estudará melloras no sector do taxi nunha xuntanza que terá lugar o día 18


# Luns, 04/02/2013


A Comisión de tráfico do Concello celebrará o día 18 unha xuntanza na que se estudarán melloras para o sector do taxis, segundo anunciou hoxe o Alcalde, José López Orozco, no Pleno municipal.

O Alcalde fixo esta proposta no debate dunha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para introducir melloras no funcionamento do servizo de taxi no Concello de Lugo.

A proposta do Alcalde, que foi apoiada por todos os grupos municipais, consistiu en deixar sobre a mesa o debate deste asunto para que a Comisión estude as melloras que se poden poñer en marcha neste servizo.

Na xuntanza participarán os tres grupos políticos, técnicos municipais e representantes do colectivo de taxistas para decidir que cambios se acometen no sector. As propostas que saian desa reunión someteranse a votación na próxima sesión plenaria do Concello.

A Corporación tamén aprobou hoxe por unanimidade unha solicitude de declaración de especial interese ou utilidade municipal da construción dunha nave na parcela O4.3 do parque empresarial das Gándaras. Esta decisión permitiralle á empresa solicitante beneficiarse da bonificación do 50% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras establecida polo Concello para atraer empresas ó parque das Gándaras.

Tamén se acordou por unanimidade a modificación e actualización das Ordenanzas Fiscais e a implantación da Ordenanza reguladora da taxa por prestación de servizos e utilización da Galería de tiro situada no Edificio da Policía Local.

A Corporación municipal deulle o visto e prace inicial, tamén por acordo unánime, ás políticas de seguridade da información do Concello, un paso necesario para avanzar na implantación da administración electrónica e para dar cumprimento ás obrigas legais no tocante á protección de datos.

Os tres grupos políticos tamén coincidiron na votación dunha proposta que reclaman unha Autoridade Portuaria para a Mariña de Lugo e solicitar a apertura ó tráfico comercial do Porto de San Cibrao.

Ademais, a Corporación aprobou dúas mocións en defensa dos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova