Cargando....
Concello de Lugo
16/01/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Carmen Basadre presentou hoxe a décimo terceira Mostra de Teatro Clásico de Lugo


# Luns, 11/02/2013
O programa inclúe sete representacións de obras no Auditorio municipal e traerá a Lugo a actores como José Sacristán, Rafael Álvarez, El Brujo, e Ana Torrent

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Tamén haberá unha versión do “Lazarillo” para o público infantil

A programación comezará este domingo e rematará o día 26



A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre presentou hoxe a 13ª Mostra de Teatro Clásico de Lugo que traerá á nosa cidade unha selección dos mellores espectáculos de teatro clásico e a actores de renome como Rafael Álvarez, El Brujo, José Sacristán ou Ana Torrent.

O programa inclúe sete representacións, unha delas para o público infantil, e desenvolverase dende o domingo, día 17, ata o martes 26 de febreiro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Todas as funcións terán lugar ás 20.30 horas, agás o espectáculo para nenos e nenas, que terá lugar ás 18.30 horas.

Basadre salientou que o feito de que a Mostra de Teatro Clásico de Lugo cumpra a súa decimoterceira edición significa que “xa está consolidada e que a afección polo teatro clásico está arraigada na nosa cidade”.

Tamén destacou que o Concello mantén a aposta para que os veciños e veciñas poidamos desfrutar do teatro clásico sen saír de Lugo porque “entendemos que, aínda que hai crise, a Cultura é un ben necesario”. Neste sentido sinalou que “pretendemos que sexa alcanzable para todo o mundo”, por iso se estableceron bonos para as sete representación que custan entre 25 e 45 euros e algúns colectivos pódense beneficiar de descontos de 2 euros. Concretamente poden acceder a esta bonificación as persoas que estean no paro, os xubilados e os menores de 30 anos.

O prezo das entradas soltas oscila entre 7 e 12 euros e para o público infantil as entradas teñen un prezo único de 5 euros.


A venda anticipada de bonos faise ata 15 febreiro no Centro de Interpretación da Muralla, na praza do Campo número 11. A venda de entradas faise tamén no CIM, en horario de luns a domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.00 horas e unha hora antes de cada función no Auditorio Municipal.
 
O programa

A decimoterceira Mostra de Teatro Clásico de Lugo comezará este domingo coa obra "Juana la Loca, la reina que no quiso reinar", que poñerá en escena a compañía Histrión Teatro, baixo a dirección de Juan Dolores Caballero e coa interpretación de Gema Matarranz.

O martes, día 19, Teatro Corsario representará "El médico de su honra", de Calderón de la Barca, un espectáculo dirixido por Jesús Peña e coa interpretación de Verónica Ronda, Carlos Pinedo, Julio Lázaro, Luis Miguel García, Rosa Manzano, Rubén Pérez, Borja Semprún e Teresa Lázaro.

Para o mércores 20 está programada a representación de "Yo soy Don Quijote de la Mancha", a cargo da compañía Metrópolis, baixo a dirección de Luis Bermejo e cun plantel de actores formado por José Sacristán, Fernando Soto, Almudena Ramos e José Luis López.

A obra "Decamerón, historias para tempos críticos de Boccaccio" poñerase en escena o venres día 22. A función correrá a cargo da compañía Abrapalabra, coa dirección e interpretación de Cándido Pazó.

O sábado, 23, Caramuxo Teatro escenificará o "Lazarillo", unha adaptación para o público infantil, a partir dos 5 anos, dirixida por Juan Rodríguez e coa actuación dos actores Xosé Esperante, Juan Rodríguez e Laura Sarasola.

Producciones El Brujo encargarase de poñer en escena “La Odisea”, de Homero, o domingo 24. Rafael Álvarez, El Brujo, dirixe e interpreta esta obra na que estará acompañado polos músicos Daniel Suárez “Sena”, Javier Alejano e Mauricio Loseto.

A Mostra rematará coa posta en escena de "Madame Bovary", de Gustave Flauvert, a cargo de Pentación Espectáculos. Este espectáculo conta coa dirección de Magüi Mira e a interpretación de Ana Torrent, Juan Fernández, Armando del Río e Fernando Ramallo.
 
Martes de Entroido
 
A Concelleira de Cultura tamén anunciou que o desfile do Martes de Entroido terá lugar no Pavillón municipal dos Deportes no caso de que se manteña o mal tempo.

Inicialmente está previsto que os participantes no Gran Concurso de Disfraces se concentren ás 16.30 na praza da Soidade para saír ás 17.00 horas e chegar á praza Maior, pasando por Santo Domingo e a rúa da Raíña.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova