Imprimir

O GOBERNO LOCAL ENCARGA UN INFORME PARA COÑECER AS DIRECTRICES QUE DIFERENCIEN CLARAMENTE AS COMPETENCIAS DOS FUNCIONARIOS E DO PERSOAL DE EMPRESAS PRIVADAS


13/2/2013

Luis Álvarez tamén informou que se acordou aboar a cantidade en concepto de nocturnidade aos policías locais que estaban pendentes de iso

Esta mañá celebrouse a Xunta de Goberno Local na que se adoptaron diferentes acordos e dos que deu conta o portavoz do Goberno Local, Luis Álvarez. Así, explicou que a maioría dos asuntos aprobados estaban relacionados coa actividade ordinaria urbanística como son as licenzas de obra.

O Concelleiro de Urbanismo destacou o acordo tomado pola Xunta de Goberno Local para encargar ao servizo municipal de Contratación a elaboración dunha proposta de instrucións que eviten situacións polas que os xulgados poidan entender que se dan situación de cesión ilegal de traballadores e que será obxecto de avaliación por parte de todos os servizos municipais. Esta decisión é consecuencia do estudo dun informe, segundo o cal, os servizos contratados polo Concello en ningún caso afectan a funcións reservadas por lei a funcionarios públicos nin contemplan a xestión indirecta de servizos públicos que intentan evitar estas situacións.

Luis Álvarez explicou que no informe o Concello de Lugo ten 7 contratos de xestión directa de servizos públicos, unha obriga lexislativa, dos que tres son relativos aos servizos sociais. “Destes sete contratos os relativos aos mantemento de alumeado público, o de recollida de lixos e a do bus urbano, estaban concedidas dende antes de 1999” segundo avanzou Álvarez, ademais dos da grúa municipal, o da ETAP e EDAR, o de Sogama, o da empresa de deportes, mantementos de informática, servizos de cultura (Auditorio) e limpeza de dependencias e colexios.

Neste sentido, matizou que “as críticas feitas polo grupo municipal do PP parece que non se axustan a realidade e esquecen que antes que nós tamén gobernaron eles” e sinalou que “non deixa de ser notorio que o grupo municipal do PP cuestione a externalización de servizos, deben ter algún tipo de disfunción a nivel local e co resto das administracións gobernadas por eles”.

Policía Local

O Concelleiro de Urbanismo tamén informou que na Xunta de Goberno Local se tomou o acordo de aboar a cantidade correspondente a 8 policías locais que presentaran unha reclamación relativa aos atrasos que eles consideraban que tiñan dereito en materia de nocturnidade e turnicidade. Neste sentido, “hai diferentes sentenzas que avalan a petición dos policías polo que acordamos, apoiados por un informe do servizo de Persoal, que ante situacións idénticas o obvio é aboar as cantidade correspondente antes de que se produza un fallo xudicial”.

Luis Álvarez quixo facer fincapé en que “estas cantidades abóanse por un principio de igualdade xa que se realizan o mesmo traballo tamén deben ter a mesma retribución” pero tamén en que “estas cantidades non supoñen un desembolso adicional para po Concello xa que son cantidades que non foron aboadas, polo que os traballadores reclamaron e agora se estima esta petición”. Tamén adiantou que probablemente a próxima semana tamén se aprobe a mesma medida para o grupo de policías que non reclamaron vía xudicial e “con isto quedará resolto definitivamente o problema”.


Contrato Coche policía e vituminadora

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou volver a iniciar o proceso de contratación dun coche patrulla para a Policía Local e un vehículo vituminador. No seu momento, o Concello enviou invitación a 13 entidades financeiras para participar na contratación a través do sistema de leasing, pero só se presentaron dúas que non cumprían os requisitos. Desta maneira, agora vólvese abrir o procedemento de maneira urxente para dispoñer dos vehículos o antes posible.