Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Incorpórase ó CEI unha empresa de tecnoloxía xenética para acuicultura


# Luns, 18/02/2013
Geneaqua facilita ás empresas acuícolas a posibilidade de facer máis rendible a súa produción grazas á selección xenética

Imaxe Asociada

O viveiro de empresas do Concello de Lugo acolle este proxecto empresarial que naceu na USC, dentro do grupo de investigación Acuigen da Facultade de Veterinaria


O Concello de Lugo presta apoio a unha nova iniciativa empresarial que traballa no campo da investigación xenética dos peixes, para mellorar a produción das plantas de acuicultura. A empresa Geneaqua–Genetic Technology for Aquaculture- vaise instalar no Viveiro de empresas municipal do Centro de Empresas e Innovación.

Esta nova empresa, que terá sede nas dependencias do CEI, ofrece servizos xenéticos para a acuicultura. Trátase dunha empresa de base tecnolóxica, spin off da Universidade de Santiago de Compostela, que nace en Lugo, ligada ó grupo de investigación da Facultade de Veterinaria Acuigen, e xa ten entre os seus clientes empresas de Galicia, do Mediterráneo e distintos organismos públicos adicados á investigación.

Segundo informou o xerente da empresa, Adrián Millán, os servizos de selección xenética que ofrece Geneaqua ás empresas de acuicultura permítenlles mellorar o rendemento das piscifactorías. Segundo os expertos, esta é a única vía coa que as empresas acuícolas poden facer máis rendible a produción, unha vez que xa teñen optimizadas as súas plantas.

Esta firma asesora ás empresas acuícolas sobre cales son os exemplares que deben adicar á reprodución das especies que comercializan, co fin de que se poidan obter os mellores rendementos nas súas piscifactorías.

Millán explicou que, a partir dun fragmento, de menos de un centímetro, de aleta de peixe, Geneaqua fai a extracción de ADN e determina o perfil xenético de cada un dos individuos. Coa avaliación da diversidade xenética existente nunha piscifactoría tamén se fai un estudo sobre o parentesco existente entre os peixes co fin de evitar a consanguinidade na descendencia porque, de producirse, plantexaría problemas de crecemento ou de deformacións nas seguintes xeneracións.

A selección xenética permite escoller os mellores exemplares para adicalos á reprodución. De feito, os expertos consideran que o 40% do crecemento dun peixe ten que ver cos seus xenes. A xenética permite seleccionar, tamén, outros factores que poidan ser de interese como a resistencia a enfermidades ou a escolla de peixes que se estresen menos e que estean mellor adaptados ó medio e mesmo unha maduración sexual tardía, que é un factor de interese nalgunhas especies.

A investigación xenética para o sector da acuicultura é o principal servizo que ofrece a empresa Geneaqua, aínda que tamén realiza outro tipo de investigacións como os análises de trazabilidade alimentaria.

Para máis información pódese consultar no sitio web da empresa, http://www.geneaqua.com/inicio/, ou a información colgada no boletín mispeces, http://www.mispeces.com/reportajes/2012/dic/geneaqua/index.asp.

CEI-Nodus cei.lugo.es





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova