Imprimir

O CONCELLO HABILITARÁ OS BAIXOS DA CASA DOMÓTICA COMO NOVO CENTRO SOCIAL


15/2/2013 Desta maneira trasladarase o Local Social Trapero Pardo, polo que se estaba pagando un alugamento, a este novo espazo municipal

O Concello de Lugo vai levar a cabo a adaptación dos locais situados na parte baixa da cada domótica da rúa Manuel Leiras Pulpeiro para a construción dun novo centro cívico de referencia para os veciños e veciñas de dita zona.

Así, a Concellería de Benestar Social e Igualdade, informou que con estas obras que van afectar á planta baixa e a entreplanta do edificio vaise poder dispoñer dun centro local propio da zona, polo que se trasladará o que actualmente está na rúa Trapero Pardo, polo que se paga un alugamento o que suporá un aforro para o Concello.

As obras que se van realizar son a creación dun local de recepción e almacén no acceso dende o exterior, aseos normais e adaptados, e unha escaleira metálica de acceso a entreplanta con pasamáns e varandas de aceiro, ademais da adecuación dos espazos para un uso normal. O prazo de execución será de un mes e medio dende o comezo da obra.

Así, se acordou na xunta de compras celebrada esta mañá no que se lle adxudicou á empresa Muralla de Rehabilitaciones S.L. a execución de dita obra por un importe de 59.259 euros.

Coñeza os centros de convivencia do Concello de Lugo.