Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto de 300 alumnos de primaria van participar nun proxecto pioneiro contra a obesidade infantil


# Martes, 19/02/2013
Nesta primeira parte do proxecto vanse desenvolver talleres nas escolas para mellorar os hábitos dos menores e das familias

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Con este programa traballarase cos nenos e nenas, cos profesores e coas propias familias para introducir hábitos saudables


O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, presentou esta mañá un proxecto piloto para a prevención de obesidade infantil na cidade de Lugo. No acto estivo acompañado por Margarita Borreguero, Presidenta da Fundación Educación, Deporte e Saúde e de Sandra Carrera, técnico da mesma institución, que serán as encargadas de levar a cabo este proxecto no que participan preto de 300 nenos e nenas.

Francisco Fraga sinalou que “a saúde infantil é un tema que nos preocupa moito e cando se presentaron os almorzos saudables, un programa xa consolidado, avanzamos que queriamos continuar con temas de exercicio físico e nutrición” xa que se trata de “facer comprender aos pequenos a importancia de hábitos que están case caendo en desuso” como poder ser ir andando ao colexio ou subir as escaleiras en lugar de coller o ascensor.

Este proxecto educativo está dirixido para desenvolver en quinto e sexto de Educación Primaria, xa que “diferentes estudos das organizacións de saúde din que é a época na que se producen máis cambios significativos dos hábitos e nos que comeza o sedentarismo”. Para esta primeira experiencia seleccionáronse tres colexios de diferentes partes da cidade nos que comezarán os talleres o día 5 de marzo no Ceip Virxe da Soedade de As Gándaras cunha participación de 33 estudantes, e o mesmo día no Ceip Luis Pimentel con 25 alumnos. Xa o día 7 de marzo seguirán os talleres no resto das aulas do Ceip Luis Pimentel chegando a un total de 150 nenos e nenas, e, finalmente, 21 de marzo realizaranse os talleres no Ceip Rosalía de Castro, coa participación de 100 alumnos.

O Concelleiro de Servizos Xerais sinalou que os obxectivos son transmitir a importancia da actividade física e da alimentación equilibrada, proporcionar actividades de reflexión sobre os hábitos da vida, ofrecer alternativas para introducir a actividade física diaria e axudar aos nenos e nenas a elaborar menús saudables. Outro dos aspectos que destacou é que tamén se traballará coas familias para que os primeiros cambios se produzan nese entorno.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova