Imprimir

O ALCALDE LAMENTA A RENUNCIA DO FRANCISCO FRAGA Ó SEU POSTO DE CONCELLEIRO, QUE VAI DEIXAR O CARGO POR MOTIVOS PERSOAIS E VOLVERÁ Á UNIVERSIDADE


22/2/2013 Francisco Fraga presentará a súa renuncia á acta de Concelleiro e deixará a Corporación a principios de abril

López Orozco agradeceu o importante labor feito por Francisco Fraga na Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa

Manuel Núñez López ocupará o escano que quedará vacante na Corporación Municipal


O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, compareceron hoxe nunha rolda de prensa na que comunicaron a decisión de Fraga López de renunciar á acta de Concelleiro.

O Alcalde anunciou que Francisco Fraga vai presentar a súa renuncia ó cargo, que se fará efectiva no Pleno do mes de abril e aproveitou para agradecerlle publicamente o importante labor que realizou a fronte da Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa.

“Creo que cumpriches todo o que se espera dun bo servidor público”, díxolle López Orozco, que destacou “o bo traballo, a bonhomía e a xenerosidade” de Francisco Fraga.

Tamén lle agradeceu o Alcalde a Fraga López a súa “dedicación e esmero no traballo que fixeches na dirección dunha Concellería que non sempre é ben comprendida aínda que, sen embargo, abarca moitísimas áreas de gran importancia para os veciños e que, ademais, é vital para o bo funcionamento do Concello”.

López Orozco salientou, entre outros logros de Francisco Fraga durante o tempo que leva na Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, o labor realizado para favorecer a relación dos cidadáns coa administración municipal, o importante pulo que lle deu á administración electrónica, a modernización da Praza de Abastos feita en colaboración co Plan Urban, e os importantes aforros cos axustes que fixo en materia de telefonía e comunicacións, así como na adxudicación de servizos como o mantemento do sistema informático ou do sitio web municipal.

“Foi quen de producir aforros en gastos improdutivos que nos permiten facer máis investimentos en persoas, algo que é moi importante nunha situación económica como a que vivimos”, destacou o Alcalde.

Experiencia positiva e traballo a prol dos veciños

Pola súa parte, Francisco Fraga deulle as grazas ó Alcalde “por darme esta oportunidade de traballar en política durante estes case que dous anos, que me permitiu vivir unha experiencia moi positiva, serviume para aprender moitas cousas, e permitiume traballar en favor dos veciños de Lugo, conxuntamente cos meus compañeiros do Grupo de Goberno e cuns magníficos funcionarios que ás veces non están o suficientemente valorados”.

Fraga aproveitou esta comparecencia para “pedir desculpas se algún veciño ou algunha persoa se sentiu prexudicada nalgún momento por algunha das miñas actuacións” e sinalou que “sempre tentei traballar para o ben de todos e o ben da cidade”.

Francisco Fraga deixa o cargo de Concelleiro para reincorporarse á Universidade, ó seu posto de profesor titular de Física Aplicada na Facultade de Ciencias da USC.

Fraga manifestou que “eu teño unha traxectoria docente e universitaria, e na Universidade tamén se viven nestes momentos uns tempos convulsos, por iso creo que é o momento de voltar ó meu posto de traballo, xa que na vida universitaria un non se pode desenganchar moito tempo da docencia e a investigación”. En todo caso, anunciou que seguirá colaborando no que sexa preciso co Equipo de Goberno municipal e dixo que “a persoa que ocupe o meu posto terame sempre para o que necesite de min”.

Pola súa parte, López Orozco explicou que “no Grupo de Goberno estamos desgustados pola súa marcha pero comprendemos perfectamente os motivos que levan a Fran a tomar esta decisión, que, tamén para el, é dolorosa”. O Alcalde sinalou que “estamos nun momento de cambio no conxunto da sociedade e tamén na Universidade e, ó fin e o cabo, Fran é un home universitario que non pode poder a comba do que neste momento se está a producir nela”.

O Alcalde tamén anunciou que a vacante que deixará Francisco Fraga López, cando se faga efectiva a súa renuncia, será cuberta por Manuel Núñez López, que é director do CEIP Menéndez e Pelayo e profesor da Escola de Maxisterio.