Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A peonalización da Volta da Viña e a redución do tráfico na N-VI son as principais propostas para unir a cidade co río Miño segundo os alumnos do Master de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Juana de Vega


# Xoves, 28/02/2013
Julio Ordax, Aurora Armental e Guillermo Mijares presentaron as mellores propostas do Master para conectar o paseo fluvial coa zona urbana

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Plano de presentación do proxecto de Guillermo Mijares
  • Plano de presentación do proxecto de Aurora Armental
  • Plano de presentación do proxecto de Julio Ordax
  • Fotografía de José López Orozco, Lino González Dopeso e Isabel Aguirre na rolda de prensa
López Orozco agradeceu o esforzo dos alumnos e o interese mostrado sobre a cidade de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso e a Presidenta da Escola de Galega de Paisaxe, Isabel Aguirre, escoitaron con atención as mellores propostas paisaxísticas realizados no Master de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Juana de Vega para desenvolver propostas co obxectivo de integrar a contorna fluvial coa cidade.

No acto, López Orozco, lembrou que o Concello dispón dun plan de conservación das beiras do Miño pero recoñeceu que "en moitas ocasións vivimos de costas ó Miño" polo que considerou necesario "achegar canto poidamos o río á cidade".

Neste sentido tamén destacou que o río é unha xoia natural e un potencial co que conta Lugo, que se suma ao patrimonio cultural e aos monumentos da cidade, e indicou que "temos que conservar e preservar ese entorno, que é importantísimo para a vida da cidade hoxe e no futuro". O Alcalde de Lugo tamén agradeceu o esforzo e o traballo intelectual feito polos alumnos e anuncioulles que "todo o que se poida irase facendo".

As propostas foron presentadas por Julio Ordax, Aurora Armental e Guillermo Mijares, e xiran en torno ao obxectivo de conectar o paseo fluvial coa zona urbana mediante un deseño paisaxístico que permita dar solución as comunicacións e mellorar a calidade estética da zona. En concreto, as actuacións centráronse en tres zonas: o Parque Marcos Cela, o Parque Rosalía de Castro e a zona da ponte nova xunto ao Miño.

As principais novidades que achegan, e na que coinciden os tres, é na necesidade de peonalizar tanto a ponte romana como o seu entorno, o que conlevaría a peatonalización da Volta da Viña e a redución drástica de circulación na antiga N-VI. Estes proxectos xiran entorno á posibilidade de crear un gran parque dende o de Rosalía de Castro e que chegase ata o río mediante a creación de novas zonas verdes e de dar prioridade aos peóns. Os tres proxectos poden resumirse en:

Analoxía Musical. Guillermo Mijares Olivo

O proxecto do Parque do Río Miño titulado “Analoxía Musical” plantexa un percorrido a través da reinterpretación paisaxística das compoñentes da música (Ritmo, Armonía e Melodía), organizados de forma continua e coherente a través do tempo, co obxectivo de xerar unha experiencia capaz de expresar emocións e sensacións nun contorno adaptable ás diferentes condicións do lugar. Ademais da eliminación de tráfico na estrada N-VI.

Camiño ao Miño. Aurora Armental

Propón unha rede de espazos verdes como un conxunto de espazos abertos ben conectados entre eles e coas zonas da cidade onde a xente vive e traballa, co transporte público así como coa Muralla e o Miño. O proxecto ten a intención de formar unha paisaxe rica e variada que inclúa usos diversos e sexa atractiva, segura, sustentable e accesible. Isto implica poñer o peón como prioridade ampliando o espazo para o desfrute dos cidadáns, a proximidade coa vexetación e a conectividade dos sistemas hídricos e a biodiversidade e a peonalización da Volta de Viña que unise o río co Parque Marcos Cela.

Lugo-nos-vemos. Julio Ordax

O seu obxectivo é achegar o río Miño aos lugueses apostando pola creación dunha gran zona verde que abranguese dende o Parque Rosalía de Castro, baixando polas costas do parque, a través dunha pasarela o unise co Parque Marcos Cela e, este a súa vez, se unise co paseo fluvial, a través da peonalización da Volta da Viña. Proponse unha secuencia visual na que a paisaxe reconstrúese e a cidade se exhibe. A Muralla enriquécese e o río chega á cidade. Lugo complétase nunha nova imaxe, unha renovada fachada e un reclamo para volver.

Esta actividade enmárcase na iniciativa formativa que se desenvolve no Master de Arquitectura da Paisaxe, co fin de reforzar a formación práctica dos seus alumnos ao tempo que contribúe ao desenvolvemento paisaxístico de Galicia. Con estes traballos a Escola Galega da Paisaxe conecta a formación coa realización de propostas reais en diferentes contornas de concellos de Galicia para apoiar o seu desenvolvemento urbanístico de acordo cos parámetros da integración paisaxística.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova