Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco participou na presentación do proxecto Iacobus 2013 que reúne a estudantes de Arquitectura de A Coruña, Francia e Alemaña


# Martes, 05/03/2013
O Alcalde de Lugo deulle a benvida aos estudantes en francés e animounos a coñecer o patrimonio da cidade

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá na presentación do proxecto Iacobus 2013 na que participan estudantes de arquitectura das escolas da Universidade da Coruña, Clermont Ferrand de Francia, e Regensburg de Alemaña, e que forman parte do proxecto. No acto que tivo lugar, na Vicerreitoría da USC en Lugo, tamén participaron o Vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón, e o arquitecto e profesor da UDC Felipe Peña, ademais de representantes das escolas de arquitectura de Francia e Alemaña que participan no programa Iacobus de rehabilitación do patrimonio europeo desde o ano 1994.

López Orozco e García Herradón deron a benvida á cidade a unha comitiva universitaria que chega a Lugo da man do programa Iacobus para analizar sobre o terreo o Pazo de Dona Urraca, unha infraestrutura gravemente deteriorada, a fin de presentar logo as súas propostas para a reconversión deste inmoble na cinemateca de Galicia, unha nova dotación que actuaría como centro de arquivo, conservación, estudo e divulgación do cine galego.

Os estudantes de Arquitectura chegados onte á capital luguesa non puideron acceder ao interior do Pazo de Dona Urraca, propiedade da Xunta de Galicia, que desaconsellou a entrada no inmoble por motivos de seguridade. Aínda así, si tiveron ocasión de coñecer de primeira man o xacemento romano ‘A Domus do Mitreo de Lucus Augusti’ achado nas escavacións do solar contiguo á sede de Vicerreitoría de Lugo e no que actualmente se empraza a Casa do Saber, dous proxectos arquitectónicos cuxa autoría corresponde a Felipe Peña.

O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, que dirixiu a investigación arqueolóxica e as escavacións feitas neste xacemento romano, ocupouse de explicar aos visitantes a importancia dos restos achados e o seu significado. Unha vez rematada esta visita guiada, a comitiva universitaria gozou de tempo libre para coñecer a cidade de Lugo e visitar algúns dos seus elementos patrimoniais máis significados, como o son a muralla ou a catedral.

O profesor Felipe Peña aproveitou a recepción ofrecida pola Universidade de Santiago e polo Concello de Lugo aos participantes no programa Iacobus de rehabilitación do patrimonio europeo para adiantar ao vicerreitor de Lugo e ao alcalde da cidade que parte dos estudantes volverán o ano que vén para presentar as súas respectivas propostas para a rehabilitación e reconversión do Pazo de Dona Urraca na cinemateca de Galicia.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova