Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ana González e Regina Polín presentaron a exposición 8Mulleres que forma parte dos actos conmemorativos do Día da Muller


# Mércores, 06/03/2013
A mostra reúne 40 obras de fotografía, vídeo, pintura, cerámica e cestaría realizadas por 8 mulleres que reflexionan sobre o mundo e a creación artística

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentaron este mércores 8Mulleres, unha exposición organizada pola Deputación provincial e que forma parte dos actos cos que se conmemora en Lugo o Día Internacional da Muller, que este ano está especialmente adicada ás mulleres do mundo do arte e da cultura.

A mostra vaise inaugurar o xoves 7 de marzo na Capela de Santa María, e que inclúe traballos realizados, baixo diferentes disciplinas artísticas, por oito novos talentos artísticos da provincia, todas elas mulleres.

Durante o acto de presentación, que tamén contou coa presenza de Carmen Granxeiro, comisaria da exposición, Ana González destacou que o 8 de marzo “é o noso día, no que debemos reivindicar a defensa das políticas de igualdade” e que “a redución nos Presupostos do Estado da partida adicada a igualdade confirma que a mellora dos dereitos das mulleres non son unha prioridade para o Goberno de Rajoy”. Por este motivo, González Abelleira esixiu a “paralización dos recortes nos servizos públicos que destrúen empregos ocupados por mulleres e impoñen unha volta a un modelo de familia patriarcal”.

Pola súa banda, Polín destacou que a Capela é un espazo aberto a todos, pero nesta ocasión acolle traballos feitos por mulleres, “a modo de particular homenaxe a todas as mulleres a través destas oito artistas que reflexionan sobre elas mesmas e sobre o mundo que as rodea”. A Deputada lembrou que as artistas presentes na mostra son “descoñecidas para o gran público que terán a oportunidade única de amosar a súa capacidade de creación”. Esta mostra ocupa o espazo que vén de ocupar Pasado e presente da olería en Lugo, homenaxe ós “cacharreiros” das catro comarcas oleiras da provincia, que vén de clausurarse e que foi visitada por case 1.000 persoas dende a súa inauguración, o pasado 30 de xaneiro.

8 mulleres

8Mulleres, nome da exposición que fai referencia non só ás mulleres, senón tamén ó día 8 de marzo, data na que se conmemora o Día da Muller, é unha exposición multidisciplinar que recolle traballos de artistas nacidas en Lugo ou que por diversas circunstancias manteñen unha estreita relación coa provincia.

As obras, que destacan pola súa orixinalidade, son unha mostra do traballo de Olalla Castro, Polo, Sandra Lodi, Lola Tourón, Carmen PG Granxeiro, Eva Méndez, María Mata e Cristina Sánchez Legido, que amosan 40 obras en soportes coma vídeo, fotografía, pintura, escultura ou mesmo cerámica e cestaría, coas que estas oito artistas reflexionan sobre o papel das mulleres no mundo e na cultura, así como sobre a súa propia natureza.

Horarios da exposición

A exposición que hoxe se presentou abrirá as súas portas este xoves, ás 19:30 horas. Ata o 14 de abril, todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María poderán facelo no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova