Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Cemiterios Europeos, Xardíns De Almas Diversidade e Patrimonio é a nova exposición temporal do Museo Interactivo da Historia de Lugo


# Mércores, 06/03/2013
O Alcalde acompañado polos Concelleiros de Cultura de Lugo e de Avilés presentou esta mostra que hoxe se inaugura

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Poderase visitar ata o 30 de abril de martes a domingo en horario de 17:00 a 21:00 horas de maneira gratuíta

Dende hoxe, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, pódese ver unha nova exposición temporal baixo o título Eucemet: Cemiterios Europeos, Xardíns De Almas Diversidade e Patrimonio e que recolle 91 imaxes relacionadas coa historia de cemiterios europeos.

No acto de presentación participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Concelleiro de Cultura do Concello de Avilés, lugar de onde procede esta mostra fotográfica.

O obxectivo xeral deste proxecto é poñer de relevo a importancia dos cemiterios e das artes funerarias como partes fundamentais do patrimonio cultural e a memoria común, promovendo a súa musealización co fin de amosar a riqueza artística que conteñen ás persoas que os visitan.

López Orozco sinalou “desta maneira imos completando ese traballo que comezamos a facer no Concello de Lugo para revalorizar o noso cemiterio municipal que tamén pertence a esta asociación de cemiterios europeos” e animou a todas as persoas a que se acheguen a visitala. Pola súa parte, Carmen Basadre, destacou que “vai ser unha exposición que non deixará a ningún visitante indiferente e pode ser visitada ata o 30 de abril de martes a domingo”.

O Concelleiro de Cultura de Avilés alegrouse de coincidir “no mesmo interese pola promoción dos cemiterios como lugares turísticos” e indicou a importancia da participación a nivel europeo deste proxecto de musealización dos camposantos con relevancia histórica.

Esta exposición é un dos resultados tanxibles do proxecto EUCEMET cofinanciado polo Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea e liderado polo Concello de Avilés en cooperación coa Asociación de municipios de Nebbiu (Norte de Córsega, Francia), o Concello de Nicosia (Chipre) e a ASCE (Asociación Europea de Cemiterios Significativos), e chega a Lugo como resultado do convenio de colaboración subscrito co Concello de Avilés.

Neste contexto o Concello de Lugo, membro da ASCE e integrante da Ruta de
Cemiterios Históricos Europeos, contribúe á difusión e comunicación do proxecto mediante convenio subscrito co Concello de Avilés, incorporándolle á exposición unha parte da riqueza do patrimonio histórico e artístico do cemiterio municipal de San Froilán, depositario do acervo funerario e da memoria histórica da cidade de Lugo.

Eucemet: Cemiterios Europeos, Xardíns De Almas Diversidade e Patrimonio

A exposición que está composta por 91 fotografías de cemiterios europeos, incluido o de Lugo, están distribuidas nos seguintes bloques temáticos:

Morte e Escuridade: 9 imaxes
Luz:10 imaxes
Patrimonio: 27 imaxes
Cruces: 20 imaxes
Mausoleo de Cabo Córcega: 7 imaxes
Vida e Diversidade: 18 imaxes
O noso cemiterio (San Froilán, Lugo): 11 imaxes

Estas imaxes están intercaladas con poemas de Luis Pimentel e Rosalía de Castro e compleméntanse coa recreación de tres tipos de sepultura do século XIX típicas da nosa provincia. Outra das novidades coas que conta e que ten unha relación especial coa cidade de Lugo é unha sección sobre ritos funerarios romanos como son a incineración e a inhumación.

Na parte final do percorrido da exposición pódense ver tres audiovisuais relacionados cos ritos funerarios romanos en Lugo, con imaxes de cemiterios europeos e outro sobre o cemiterio de San Froilán.

Culto romano

O culto ós mortos en Lucus Augusti reflíctese, coma no resto do imperio, nas necrópoles. Estas localizábanse fóra dos recintos urbanos, preto das portas da cidade. Os mortos honrábanse coa construción de mausoleos ou tumbas máis modestas, sinalando o lugar cun epitafio gravado en forma de ara ou estela. O enterro contaba cun ritual que remataba coa sepultura das cinzas despois da cremación (incineración) ou coa sepultura do cadáver en foxa de terra (inhumación). En Lucus documéntanse os dous ritos funerarios nalgunhas das necrópoles decubertas (Plaza de Ferrol, Xardín de San Roque, Recatelo, etc).
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova