Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

MANIFESTO 8 DE MARZO "DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES" DE 2013


# Venres, 08/03/2013


Estamos aquí un ano máis para celebrar os avances da loita das mulleres pola consecución dos nosos dereitos, pero hoxe máis ca nunca para denunciar con todas as nosas forzas os atrancos que temos que salvar e reivindicar que a igualdade sexa real e efectiva.

POR ISO:

- Denunciamos que a crise financeira, económica e social ten efectos negativos para o conxunto da sociedade, pero ten repercusións especialmente perxudiciais para as condicións de vida e de traballo das mulleres, aumentando as fendas de desigualdade.

- A Carta Europea das mulleres pon de relevo que a discriminación, os estereotipos educativos, a segregación do mercado laboral, o emprego precario, o traballo a tempo parcial involuntario e a distribución desequilibrada de responsabilidades dos coidados familiares afectan ás opcións de vida e á independencia de numerosas mulleres. Son moitas as mulleres que teñen que renunciar a proxectos persoais e laborais.

- A aplicación da reforma laboral fixo notar os seus efectos perniciosos no ámbito laboral, e no último ano asistimos a un aumento do desemprego das mulleres, debido ao descenso do número de mulleres ocupadas e ao incremento da taxa de actividade feminina, que aumentou na mesma proporción que descende a masculina.

- O desmantelamento do Estado do Benestar e a política de austeridade do Goberno elimina servizos públicos esenciais, onde traballan moitas mulleres, tanto na Administración pública como nas empresas prestadoras. Así, é a redución dos dereitos relacionados coa educación, coa saúde, coa atención á dependencia, cos programas e actuacións dirixidos a mellorar a calidade de vida, o que fai que as mulleres se queden en desemprego e ademais teñan maiores dificultades para a conciliación.

- Esta listaxe de recortes en dereitos das mulleres amplíase co anuncio do Goberno de mudar a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, cun obxectivo: eliminar o dereito a decidir das mulleres.

- A Lei 10/2012, do 20 de novembro, de taxas xudiciais contén elementos discriminatorios para as mulleres impedindo o exercicio efectivo de dereitos ao coartar a reclamación en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nos procesos de separación e divorcio, incidindo especialmente nas vítimas da violencia de xénero.

PARA CORRIXIR ESTA SITUACIÓN, HOXE, 8 DE MARZO, RECLAMAMOS:

- A derrogación da Reforma Laboral.
- Demandar a necesaria colaboración entre administracións para impulsar políticas públicas de fomento do emprendemento feminino e o autoemprego e que se traballe para elaborar plans de actuación co fin de identificar e erradicar a inxustificable fenda salarial.
- Defender o cumprimento de Lei de igualdade, reforzando a negociación colectiva mediante medidas que favorezan o emprego e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
- Denunciar publicamente os ataques e recortes aos dereitos das mulleres e eliminar todas as formas de discriminación das mulleres.
- Demandar a posta en marcha de medidas de emprego para as mulleres con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, mulleres novas, maiores, vítimas de violencia, con discapacidade, inmigrantes e todas aquelas que presenten maior risco de exclusión social.
- Esixir o mantemento dos dereitos recollidos na Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
- O impulso de políticas e servizos de prevención e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.
- O mantemento da Lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo.
- A derrogación da Lei de taxas xudiciais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova