Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Consello Consultivo de Galicia ratifica que o Estudo de Detalle de República Arxentina 8 cumpre o PXOU


# Mércores, 13/03/2013
O Concello vén de recibir o informe solicitado ó Consello Consultivo en execución dunha sentenza do TSXG

O Consello Consultivo de Galicia dalle a razón ó Concello de Lugo no contencioso interposto pola Asociación das Costas do Parque respecto do edificio número 8 da Ronda de República Arxentina.

O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, informou este mércores de que a Xunta de Goberno tomou coñecemento hoxe do ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia, órgano que vén de ratificar que o Estudo de Detalle desa zona cumpriu co Plan Xeral de Ordenación Urbana.

A Sección Segunda do Consello Consultivo de Galicia vén de comunicarlle ó Concello o seu ditame, que é favorable á postura mantida pola administración local na execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 3 de maio 2012.

Esta resolución avala a postura do Concello e resolve que non procede a revisión de oficio do Estudo de Detalle nin as posteriores licenzas por canto declara “a improcedencia da revisión de oficio do Estudo de Detalle de data 02.05.2005 para a ordenación de volumes na Ronda República Arxentina nº 8 da cidade de Lugo, por non recollerse nel contidos de ilegalidade directa nin contravir o PXOU”.

Asimesmo, o Consello Consultivo acordou “desestimar a solicitude de revisión de oficio dos acordos municipais aprobatorios das licenzas concedidas en desenvolvemento do debandito Estudo de Detalle, de datas 16.11.2005 e 05.07.2007, por apoiarse, en canto á súa validez e eficacia, no Estudo de Detalle, no que se apoian e do que resultan ter complemento necesario para o pleno cumprimento das súas determinacións”.

O ditame conclúe informando favorablemente a resolución da Alcaldía de Lugo de data 25 de xaneiro de 2013 na que se formulou proposta desestimatoria da revisión de oficio do Estudo de Detalle trala instrucción do procedemento de revisión en cumprimento da sentenza que ditou o TSXG o 3 de maio de 2012.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova