Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello ofrece actividades turísticas para visitantes e veciños durante a Semana Santa


# Martes, 19/03/2013
O programa En Semana Santa ponte en Lugo recolle actividades culturais e visitas guiadas gratuitas a diferentes zonas da cidade

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
No Museo Interactivo da Historia de Lugo tamén se levarán a cabo actividades para nenos e nenas e familias

Un ano máis, a cidade de Lugo, contará con actividades para turistas e veciños durante a Semana Santa. Así, o deu a coñecer a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, que esta mañá presentou o Programa En Semana Santa, ponte en Lugo co que se ofrece diferentes actividades culturais e gratuitas para todos os públicos.

Carmen Basadre explicou que hai un lema en turismo que dí que os turistas van onde pasan cousas pois “en Lugo queremos que durante a Semana Santa ademais de achegarse para ver as procesións ou para comer, queremos que teñan actividades culturais cos que coñecer mellor a nosa cidade”.

As visitas guiadas de Lugo a pé serán entre o 24 e o 31 de marzo con saída ás 12:00 horas dende a Praza do Campo. Estes circuítos gratuítos, terán unha duración de dúas horas e para apuntarse as persoas interesadas deben dirixirse á Oficina Municipal de Turismo para reservar a súa praza ou ben a través do teléfono 982 251 658. Os grupos serán dun máximo de 30 persoas e estarán realizadas por guías profesionais de Lugo que visitarán a Muralla, as rúas máis emblemáticas do centro histórico, Catedral, a ventá arqueolóxica da Piscina Romana, o Museo Provincial, a Casa dos Mosaicos, ou o Centro de Interpretación da Muralla. Nesta edición, como novidade, tamén se integra os Xardíns do Pazo de San Marcos, a Praza de San Marcos, a Praza de Santo Domingo e a ventá arqueolóxica do acueduto.


Actividades MIHL

A Concelleira de Cultura tamén informou das actividades dirixidas a un público infantil que se van a desenvolver no MIHL os días 26 e 27 de marzo ás 17:30 horas. O primeiro dos días será a narración oral de Inacio Vilariño do grupo Fantoches Baj dos contos Burromáquina que terá unha duración de 50 minutos e no que poden participar nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Ese mesmo día, ás 18:30 horas, tamén se levará a cabo un concerto didáctico da Banda Municipal Xuvenil de Rábade que durará unha hora.

O mércores 27 de marzo ás 17:30 horas comezará o espectáculo musical A nena e o grilo na que o músico Magín Blanco cantará diferentes contos.

Exposición temporal do MIHL

O MIHL acolle a exposición EUCEMET: Cemiterios Europeos: Xardíns de almas, diversidade e patrimonio que organiza o Museo Interactivo da Historia de Lugo - Concello de Lugo no marco do Programa Cultura - DG Educación y Cultura – EUCEMET.

Pódese visitar ata o 30 de abril de 2013 no horario habitual do MIHL de martes a domingo entre as 17:00 ás 21:00 horas. Tamén se poden realizar visitas colectivas guiadas pola mañá que hai que concertar no teléfono 982 251 658, ou persoalmente no Centro de Información da Muralla, Praza do Campo 11.

Promoción turística

“Dende a Concellería continuamos achegando información a medios de comunicación especializados, oficinas de turismo de Galicia, España e Europa e a axencias de viaxe, en especial as axencias incoming ou receptivas a través do correo electrónico” segundo deu a coñecer Carmen Basadre, que ademais manifestou a importancia da promoción da cidade a través de diferentes canles.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua tamén comentou que se están levando a cabo diversas iniciativas privadas e que contribuen ao aumento de visitantes á cidade como poden ser a da empresa lucense SienteGalicia.com que ofrece paquetes turísticos especiais para a Semana Santa en Lugo. Así, os turistas teñen a posibilidade de escoller entre seis paquetes que van dende 18 euros ata os 84 euros e inclúen actividades como visitas guiadas, sesións de spa, excursións en Segway e visitas ao Parque da Natureza Marcelle. Trátase pois, de ofertas variadas e adecuadas a todos os petos e necesidades.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova