Imprimir

O CONCELLO DE LUGO DEFENDE O IES AS MERCEDES ANTE A DECISIÓN DA XUNTA DE CONVERTILO NUN CENTRO INTEGRADO DE FP


20/3/2013 O Goberno Local acusa ao PP de improvisacion con respecto ao colexio do Sagrado Corazón

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosou hoxe a súa preocupación polos planes da Consellería de Educación para reducir o IES As Mercedes a un centro integrado de Formación Profesional e defendeu a continuidade do centro tal como funciona agora.

O Alcalde destacou que esta medida non foi consultada coa comunidade educativa dun centro escolar que non só “funciona moi ben, senón que recentemente foi eloxiado polo propio Conselleiro de Educación” nunha visita ó propio centro escolar.

"A qué vén esto?" preguntouse o Alcalde, que tamén amosou a súa inquedanza polo futuro dos alumnos e dos profesores do IES As Mercedes. López Orozco interrogouse ademais por "cal cai ser o futuro do ensino cando se fan estes cambios nun centro que funciona tan ben".

Neste mesmo sentido, se expresou o portavoz do Goberno Local, Luis Álvarez, que se mostrou sorprendido pola noticia e que non entende os cambios de decisións que toman na Xunta, xa que “hai poucos días estaban felicitándoos polo traballo en todos os grados da ensinanza e hoxe dín que secundaria e bacharelato van desaparecer do centro sen explicar para onde van ir tanto o alumnado como o profesorado”.

Colexio Sagrado Corazón

O Portavoz do Goberno Local e Concelleiro de Urbanismo tamén se referiu a que “o PP de Lugo é un ente independente do seu partido xa que está falando dun novo colexio no Sagrado Corazón sen valorar en ningún momento a posibilidade de rehabilitación do edificio actual”. Sobre este aspecto, Álvarez, falou da evidente improvisación que fan os populares porque “primeiro propoñen facer un novo colexio pero danse conta de que vai quedar un edificio abandonado igual que no barrio da Residencia e inventan outra solución sen pensala”.

Luis Álvarez incidiu na improvisación do grupo municipal do PP xa que propoñen, que o Concello compre os terreos a unha entidade financieira rescatada con diñeiro público para facer un centro sociocultural, “e propóñeno os mesmos que están criticando continuamente ao Concello por ter un exceso de edificios municipais e por rehabilitar outros como o Vello Cárcere”. Así, preguntouse “¿con que discurso nos temos que quedar, co de manter as infraestruturas ou co de tirar todo e construir?” sinalando que non entende “cómo é posible que o PP teña unha mensaxe tan distinta no barrio da Residencia e no do Sagrado Corazón porque nun lado si e no outro non?”