Imprimir

A PROPOSTA DE CORES PARA OS EDIFICIOS DO ENSANCHE DA RAMELLA EXHÍBESE NUNHAS LONAS INSTALADAS NA PRAZA DE ABASTOS


21/3/2013

O Concelleiro de Urbanismo e responsables do Colexio de Arquitectos explicaron que a divulgación do estudo de cor é un paso máis dunha nova iniciativa do Plan Urban para a mellora estética desta zona do Casco Histórico

O Concello e o Colexio de Arquitectos colaboraron no estudo de cor e agora trátase de involucrar ós veciños no proxecto de recuperación estética dunha zona de importante valor arquitectónico


O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, visitou hoxe as lonas instaladas na Praza de Abastos para dar a coñecer o estudo de cor do Ensanche da Ramella. No acto tamén participaron  Raúl Veiga e Celia Fajar, Presidente e a Tesoureira do Colexio de Arquitectos, así como a Coordinadora do proxecto I-Cor, Marigel Castro.
 
O Concelleiro de Urbanismo explicou que as tres lonas foron instaladas na fachada da Praza de Abastos que dá á rúa Quiroga Ballesteros co fin de dar a coñecer á veciñanza un proxecto do Plan Urban, que ten o 80% de cofinanciación da Unión Europea a través o FEDER, no que colaboraron o Concello e o Colexio de Arquitectos e que ten o obxectivo de mellorar a estética desta zona do Casco histórico que se caracteriza pola existencia de edificios de importante valor arquitectónico.

Luis Álvarez manifestou que “se trata dun novo paso, co que pretendemos darlle a máxima difusión a un proxecto no que colaboraron as dúas institucións, consistente na elaboración dunha paleta de cores orientada a singularizar o Ensanche da Ramella” e anunciou que o Concello tamén está a traballar na elaboración dunha Ordenanza de Cor, de acordo coas previsións do PEPRI.

Pola súa parte, o Presidente do Colexio de Arquitectos de Lugo destacou que o proxecto I-Cor “foi unha feliz iniciativa conxunta que deu como resultado unha ferramenta que agora se publicita dun xeito tan vistoso como é poñelo na propia rúa para que o vexan todos os cidadáns”. Tamén explicou que “máis que unha solución o que se fixo con este proxecto foi establecer un método para analizar a cor dunha cidade”.

Información das cores e de presupostos orientativos

As tres lonas instaladas na Praza de Abastos reproducen imaxes dos alzados das rúas sobre as que se fixo o estudo de cor e con elas faise visible a mellora que se trata de conseguir na zona. Ademais, estes soportes serven para proporcionar información ós veciños de que teñen a posibilidade de dirixirse á Oficina municipal do Plan Urban, situada na Casa do Concello, onde poden obter a ficha dos seus edificios coa paleta de cores propostas, así coma un presuposto orientativo do custe que pode ter o pintado dos edificios. 
 
O estudo de cor foi elaborado dentro do proxecto I-Cor, froito dunha colaboración entre o Concello e o Colexio de Arquitectos e elaborouse para os edificios situados no chamado Ensanche da Ramella, que forman as rúas Quiroga Ballesteros, parte de Bolaño Rivadeneira e o tramos oeste de Amor Meilán, para resaltar a importancia de edificios da arquitectura prerracionalista e racionalista, obra de arquitectos como Luis Vázquez, Nemesio Cobreros, Juan de Mendoza, Eloy Maquieira, Alfredo Vila ou Antón Tenreiro.

www.lugo.es/urban