Imprimir

LÓPEZ OROZCO ANUNCIA A APERTURA DO PROCESO PARA QUE TODO O PERSOAL DO CONCELLO DE LUGO SEXA FUNCIONARIO


22/3/2013 O Alcalde garante que ningún traballador do Concello de Lugo será despedido mentres goberne este Equipo

López Orozco censura o comportamento da Xunta con Lugo e volve saír en defensa do IES As Mercedes

O Alcalde, José López Orozco, e o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, anunciaron hoxe que o Concello de Lugo porá en marcha a semana que vén o proceso para transformar en funcionarios a todos os traballadores laborais da administración local.

López Orozco explicou que o primeiro paso deste proceso darase o luns, data na que se vai reunir a Comisión de Alcaldía e Participación, que tratará este asunto como paso previo ó debate e votación no Pleno que celebrará en abril a Corporación municipal.

O Alcalde amosou a súa confianza en que toda a Corporación respaldará esta iniciativa do Goberno que supón a transformación en persoal funcionario dos 144 postos de traballo fixos do Concello que agora son persoal laboral.

López Orozco reiterou que “mentres este Equipo goberne o Concello de Lugo nunca haberá ningún ERE nin unha reconversión laboral que signifique despedimentos de traballadores” e explicou que “o proceso de funcionarización lévase a cabo porque os traballadores laborais cren que así van quedar máis asegurados os seus dereitos e, para este Goberno, é unha prioridade asegurar os dereitos laborais, sobre todo nestes tempos, e estou seguro que esta preocupación compártea o conxunto da Corporación”.

O Alcalde sinalou, tamén, que o acordo plenario supón o primeiro paso nun proceso de funcionarización que debe estar rematado a mediados do ano que vén.

Ordenanza de Circulación

O Alcalde avanzou, ademais, que no próximo Pleno vaise someter a aprobación definitiva a nova Ordenanza de Circulación, na que se incorporan moitas das alegacións e suxestións presentadas durante o período de exposición pública.

López Orozco sinalou que a Ordenanza “foi moi traballada e consensuada, procurouse ter en conta todas as suxestións posibles, sempre cumprindo co vixente Decreto de Circulación e tendo en conta, ademais, as liñas que marca o borrador do novo Decreto que ten en trámite a Dirección Xeral de Tráfico”.

De acordo coas previsións de Tráfico, o novo Decreto podería estar aprobado no último trimestre deste ano e podería obrigar a facer algunha pequena modificación na Ordenanza de Lugo, segundo explicou o Alcalde, xa que están en discusión aspectos que suscitan moito debate como a obrigación de que os ciclistas teñan que protexer a cabeza con casco para desprazarse pola cidade ou a posibilidade de que as caravanas poidan estacionar en todas as vías públicas.

Nocturnidade e aleivosía da Xunta contra o IES As Mercedes

O Alcalde volveu expresar hoxe a oposición do Concello a decisión da Xunta de transformar o IES As Mercedes nun Centro integrado de formación profesional, unha medida que foi tomada, dixo López Orozco, “por Real Decreto, con nocturnidade e aleivosía contra un instituto que está funcionando moi ben e que, hai só unhas semanas, recibiu os eloxios precisamente do Conselleiro de Educación”.

A preguntas dos xornalistas, López Orozco manifestou que “son moitos os agravios de Feijóo a Lugo e o máis grave de todo é o que está pasando na nosa provincia co envellecemento e o decrecemento da poboación, onte aprobaron unhas medidas pero non sei quen se animará a ter fillos por 300 euros cando non hai posibilidade de atopar un traballo estable”. Neste sentido, o Alcalde lembrou que os fondos da Unión Europea que recibe Galicia débense ó desequilibrio das provincias do interior, a Lugo e Ourense e preguntouse “onde se empregan eses fondos?”