Imprimir

AUTORIDADES E VECIÑOS DE LUGO PARTICIPARON NA CONCENTRACIÓN CONVOCADA POLO CONCELLO PARA CONDENAR O ASASINATO DA LUCENSE VÍTIMA DA VIOLENCIA MACHISTA


1/4/2013 O Alcalde fai un chamamento á sociedade para que denuncie os casos de malos tratos e evitar que se volvan repetir sucesos como o crime de Helena Dimitru

O Alcalde, José López Orozco, encabezou a concentración contra a violencia machista que convocou o Concello para condenar o asasinato da veciña de Lugo Helena Dimitru. Na concentración participaron a Corporación municipal e outras autoridades como a Delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias; o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o Vicerreitor da Universidade, Pedro García Herradón; e deputados autonómicos e provinciais. Tamén se sumaron ó acto xogadores do Breogán, traballadores municipais e veciños e veciñas.

As autoridades participantes na concentración portaron unha pancarta co texto “Ante a violencia de xénero, tolerancia 0”.

A concentración, na que se gardaron cinco minutos de silencio, tivo lugar diante da Casa do Concello cadrando co último dos tres días de loito que declarou o Concello de Lugo en memoria de Helena e como mostra de repulsa por este novo crime da violencia de xénero.

Unha vez rematado o acto, o Alcalde manifestou que a concentración tivo un triple obxectivo. “En primeiro lugar, tratouse de condenar este horrible crime, tamén para expresar a nosa condolencia á familia da vítima e, por último, para que todos os lucenses saibamos que temos que estar atentos para evitar calquera atentado contra a muller”.

López Orozco tamén destacou que “toda a sociedade debemos ter conciencia da nosa responsabilidade para evitar que se repitan actos de violencia de xénero”. O Alcalde fixo un chamamento “ás familias, amigos e veciños para que chamen ó teléfono 016 de atención a vítimas de violencia de xénero se desconfían de que unha muller poida estar sendo vítima de malos tratos, e mesmo ás propias maltratadas para que chamen ó teléfono 016 ou que pidan axuda nos Servizos sociais do Concello ou da Xunta, porque non debemos permitir que poidan suceder este tipo de atentados contra as persoas”.