Imprimir

LINO DOPESO CELEBRA O ACORDO DA COMISIÓN DE CULTURA DO PARLAMENTO PERO VOLVE A INSISTIR NA PREMURA DE REPOÑER AS LUMINARIAS DO ADARVE


4/4/2013 O Concelleiro de Medio Ambiente agarda que non quede só nun acordo e que a Xunta as repoña na menor brevidade

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, manifestou a súa satisfacción ante o anuncio de que na Comisión de Cultura do Parlamento se aprobou por acordo unánime instar á Xunta de Galicia para que repoña as luminarias do adarve da Muralla.

Neste sentido, Lino González, manifestou que “o Goberno Municipal se congratula deste acordo unánime no Parlamento, xa que é algo que vimos pedindo dende hai moito tempo” e sinalou a importancia destas luminarias á hora de visitar a Muralla, especialmente agora de cara o verán.

“Agardamos que esta decisión unánime permita que o Goberno Autonómico actúe con prontitude e movilice os recursos económicos necesarios para que esa obra se leve a cabo o antes posible” segundo manifestou o Concelleiro de Medio Ambiente. Tamén aproveitou para lembrar que “non estaría mal que a Consellería de Cultura, que é o titular da Muralla, se puxera en contacto co Concello para asinar un convenio para o mantemento da mesma” matizando que “sempre que non fagan como no Cuartel de San Fernando, que unha vez que o teñen non cumpren coas súas obrigas de mellora e rehabilitación”.

O responsable de Medio Ambiente lembrou que dende o ano 2009 o Concello de Lugo leva insistido coa necesidade de repoñer as luminarias do adarve da Muralla e que a Xunta viña prometendo dende hai varios anos.