Imprimir

O GOBERNO LOCAL APROBA O CONVENIO PARA AMPLIAR O ABASTECEMENTO DE AUGA A LUGO QUE TEN UN ORZAMENTO DE 7,7 MILLÓNS DE EUROS


5/4/2013 A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe o acordo con Acuanorte

Entre as actuacións previstas figuran unha nova traída de auga potable ó HULA e o abastecemento a Orbazai e á Louzaneta

O Goberno local aprobou hoxe o convenio que regula a terceira fase da ampliación do sistema de abastecemento de auga a Lugo, que ten un presuposto total de 7.748.570 euros (IVE incluído) para a construcción de novas infraestruturas que completarán o sistema de abastecemento de auga potable do Concello de Lugo.

O convenio entre o Concello e a Sociedade Estatal Augas das Concas do Norte foi aprobado nunha sesión extraordinaria que celebrou esta mañá a Xunta de Goberno Local.
 
O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, explicou que as dúas principais actuacións previstas neste importante convenio suporán, entre outras melloras, contar cunha vía alternativa para o subministro de auga potable ó Hospital Universitario Lucus Augusti, así como as canalizacións que darán abastecemento a Orbazai e á Louzaneta.

A primeira das actuacións desta terceira fase do plan de ampliación do sistema de abastecemento de auga a Lugo supón a prolongación da rede xeral dende as Gándaras ata a glorieta da estrada da Fonsagrada, a través da cal se vai crear outra vía alternativa para o abastecemento ó HULA, de xeito que quedará asegurado o subministro de auga potable ó Hospital aínda no caso de que se producira algunha avaría que impedira prestar o servizo a través da actual canalización que discorre por Galegos.

Ademais, esta actuación facilitará, no futuro, cando se constrúa a Rolda Leste, a creación dun anel perímetral de abastecemento que rodee toda a cidade, coa prolongación da canalización dende a glorieta da estrada da Fonsagrada ata a Tolda de Castela para conectala alí coa coa tubería xeral que discorre pola Nacional VI.

Outro importante proxecto que se executará grazas a este convenio é a creación dunha tubería xeral que conectará os depósitos de Penarrubia coa confluencia entre a estrada vella de Santiago e a estrada de Friol. Con esta obra darase abastecemento de auga, nun primeiro momento, a Orbazai e á Louzaneta e, no futuro, a Esperante.

O Concelleiro de Medio Ambiente lembrou que este proxecto complementa o do saneamento da Louzaneta e lembrou que as obras para a construcción do colector xeral nesa zona.

xa aprobado para a construcción do colector xeral para o saneamento na zona da Louzaneta.

O convenio entre o Concello de Lugo e Acuanorte prevé un investimento total de 6.457.142 (sen IVE), distribuído en tres anualidades. Para o 2013 o investimento previsto é de 425.142 euros. No ano 2014, de 2.292.000 euros e no ano 2015, os 3.740.000 euros restantes.

O 80% do financiamento correrá por conta de Acuanorte, con achegas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o 20% restante será aportado polo Concello.