Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As rúas de Lugo convertiranse en escenario durante a Semana da Danza que organizan o Concello e o Conservatorio Profesional de Danza


# Martes, 09/04/2013
A Semana da Danza de Lugo terá lugar do 24 ó 30 de abril e fará unha homenaxe a Isadora Duncan

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Un dos espectáculos programados xuntará a cento cincoenta persoas para bailar unha coreografía polar rúas do Casco histórico de Lugo

O programa inclúe, tamén, un encontro de centros de danza de toda Galicia

A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, xunto con Isabel Méndez e Raquel González, Directora e Vicedirectora, respectivamente, do Conservatorio Profesional de Danza presentaron hoxe a Semana da Danza de Lugo, que estará adicada á bailarina Isadora Duncan.

A Concelleira de Cultura destacou que é o segundo ano consecutivo que o Concello e o Conservatorio de Danza colaboran na organización da Semana da Danza, que se celebra para conmemorar, en Lugo, o Día Internacional da Danza, e sinalou que, aínda que poida parecer minoritaria, “a danza é unha manifestación artística de gran importancia para o desenvolvemento das persoas, xa que supón unha magnífica canle para a expresión dos nosos sentimentos”.

Basadre animou ós veciños e veciñas de Lugo a disfrutar do amplo programa de actos organizados nesta Semana da Danza, que terán lugar en distintos lugares da cidade, mesmo nas rúas, e contarán coa participación de numerosos grupos, así como da Escola municipal de Música.

Isabel Méndez agradeceulle ó Concello a posibilidade de organizar a Semana da Danza, que se celebrará do 24 ó 30 de abril, e anunciou que este ano haberá máis presenza na cidade, xa que o sábado 27 de abril bailarase unha coreografía nas rúas do Centro histórico. Para elo, segundo explicou, “contactamos primeiro con todos os institutos da cidade e impartimos unhas clases no Conservatorio para aprender a coreografía”.

Outra novidade desta edición, que anunciou a Directora do Conservatorio Profesional de Danza, é a incorporación á programación outros estilos de danza, ademais da clásica e contemporánea.

“Contaremos coa participación de centros da cidade que se adican a impartir ensinanzas de danza deportiva, flamenco, bailes de salón, etc” e sinalou que, ademáis, “repetiremos o encontro de centros de danza de Galicia; este ano serán trece centros os que participen, e, por suposto, contaremos coa participación do alumnado do Conservatorio de Lugo, tanto con clases abertas como con espectáculos creados para a ocasión e con música en directo da Escola municipal de Música e do Obradoiro de danza e percusión, que será levado por Diego Ventoso”.

Programa

Pola súa parte, Raquel González explicou que a primeira actividade programada terá lugar o mércores, día 24. Unha actuación do alumnado, tanto do grao elemental como do grao profesional, das dúas especialidades, danza clásica e contemporánea, que se imparten no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e o contacontos titulado “Isadora Duncan. A Bailarina do Mar”, a cargo do grupo de teatro Os Palimoquiños, servirá de presentación da Semana, que se fará no Centro Comercial As Termas, ás 19.00 horas.

Para o xoves, 25, están previstas as tradicionais clases abertas de grao elemental do Conservatorio de Danza, ás 20.00, no Auditorio Gustavo Freire. Nelas participarán 95 alumnos de 8 e 12 anos que amosarán o traballo que fan diariamente nas clases do Conservatorio.

O venres, día 26, terá lugar o Encontro de centros de danza de Galicia, no que participan trece centros de ensinanzas de danza clásica e contemporánea de toda Galicia. O Encontro reunirá 140 alumnos procedentes de Santiago, A Coruña, Oleiros, Ferrol, Narón, Vigo, Pontevedra e Lugo.

Para o sábado, 27, está programada unha das actividades máis chamativas que están previstas, o espectáculo de danza na rúa. Neste evento, un obradoiro de danza e de percusión percorrerá as distintas prazas da cidade, acompañados pola Escola municipal de Música de Lugo. Para esta actividade está previsto reunir, como mínimo, 150 persoas bailando todas xuntas unha mesma coreografía polas rúas da cidade. O espectáculo comezará ás 12.00 na Praza Maior e está previsto que remate ás 13.30.

Ese mesmo día, pola tarde, o grupo de danza contemporánea do Conservatorio de Lugo interpretará “Cinematic Counterpoint”, xunto co grupo In Black Cage Ensemble, ás 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire.

O domingo, día 28, é o día adicado a outros estilos de danza distintos da clásica e a contemporánea. No acto colectivo “Fusión en Danza” de conmemoración do Día Internacional da Danza van participarán seis centros de ensinanzas de danza de Lugo que se adican a outros estilos de danza. No espectáculo intervirán 80 persoas que ofrecerán danza moderna, danza do ventre, flamenco ou baile deportivo, entre outros. Será ás 19.00 horas no Auditorio Gustavo Freire.

A programación continuará o luns, día 29, co Concurso Coreográfico, no que presentarán distintas pezas coreográficas adicadas a Isadora Duncan alumnos de distintos centros de Danza de Galicia. Este acto celebrarase no Auditorio Gustavo Freire, ás 19.00 horas.

As actividades da Semana da Danza rematarán o martes, 30 de abril, coa estrea do espectáculo “Isadora, pés no mar and Johannes, ollos no ceo”, que foi creado polo alumnado de grao elemental do Conservatorio de Danza de Lugo. Esta peza poderase disfrutar ás 20.30, no Auditorio Gustavo Freire.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova