Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo axuda á creación de máis de medio cento de empresas e de 330 postos de traballo coa cesión de locais no CEI-Nodus para que boten andar os proxectos empresariais de emprendedores


# Luns, 15/04/2013
Nestes momentos están instaladas 29 empresas nas dependencias que o Concello pon a disposición dos emprendedores de Lugo

No que vai de ano, o Centro de Empresas e Innovación do Concello deulle asesoramento a 120 emprendedores, creáronse 11 empresas e xeráronse 25 empregos

O Concello de Lugo contribuíu á creación de 53 empresas e a xeración dun total de 330 postos de traballo, 230 directos e 100 indirectos, grazas á cesión de locais no Centro de Empresas e Innovación, dependente da Consellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, a emprendedores para que poñan en marcha os seus proxectos empresariais.

As instalacións que o Concello pon a disposición dos emprendedores de Lugo albergan nestes momentos 29 empresas e outras 24 abandonaron xa as instalacións do CEI-Nodus. En concreto, 16 empresas desenvolven a súa actividade en despachos do CEI, outras 5 funcionan nos obradoiros, 2 están instaladas nos laboratorios, 4 ocupan o viveiro e 2 traballan na sala de co-working.

No primeiro trimestre deste ano, o CEI-Nodus prestou, ademais, asesoramento a 120 emprendedores e como consecuencia deste labor creáronse 11 empresas que xeraron 25 empregos.

O traballo desenvolvido polo CEI-Nodus o ano pasado supuxo o asesoramento dun total de 348 emprendedores, e axudou á creación de 69 empresas e 99 postos de traballo, ademais de tramitar axudas por inicio de actividade por importe de 207.000 euros.

Nos últimos seis meses tense detectado un aumento significativo do número de solicitudes para o uso dos locais no CEI-Nodus por parte dos emprendedores interesados na promoción de novas empresas de Lugo. O perfil de emprendedor que desexa comezar a súa actividade nas instalacións do Concello é, na súa maioría, unha persoa menor de 30 anos titulada universitaria ou con formación profesional superior.

A demanda de locais no viveiro de empresas obrigou ó Concello a instalar un novo espazo situado no segundo andar do edificio do CEI-Nodus. Ademais, o CEI dispón dunha unidade técnica adicada ó desenvolvemento da zona rural e dende agosto do ano pasado tamén funciona nas instalacións do CEI unha Oficina de Fomento Cooperativo, subvencionada pola Xunta, que xa promoveu a creación de cinco cooperativas de traballo asociado.

Desde o ano 2008, o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo o número total de asesoramentos prestados é de 1.413, foron creadas 275 empresas que supuxeron a xeración dun total de 395 empregos. O importe das axudas tramitadas por inicio de actividade polos técnicos destas instalacións municipais, neste período de tempo, ascendeu a 1.662.000 euros.

cei.lugo.es






Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova