Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentouse o IX Curso de Primavera da USC no que se abordarán claves da actual crise social e económica


# Luns, 15/04/2013
A primeira das conferencias será o 8 de maio na Facultade de Humanidades e estará impartida por Ignacio Ramonet

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou na presentación do IX Curso de Primavera da USC, na que tamén estiveron presentes o Deputado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón e o catedrático de Antropoloxía Social da USC, Xaquín Rodríguez Campos.

Esta interesantes proposta de carácter formativo e divulgativo, dirixida polo, e financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, foi presentada na Deputación de Lugo nun acto no que estiveron; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, ademais do director desta edición dos Cursos de Primavera da USC, un foro aberto que en anos anteriores orientou a súa temática a cuestións tan diversas como o IV centenario da publicación de El Quijote, a realidade e as perspectivas das Humanidades, a dinámica das relacións Oriente-Occidente, os dereitos humanos, os camiños da peregrinación ou vida e letras milenarias.

Nesta novena edición, as conferencias estarán centradas na crise que está a sufrir o mundo occidental, as súas posibles causas e as consecuencias que está composto por un programa formativo e divulgativo ideado para achegar e complementar a formación humanística ao estudantado universitario, así como ao resto da sociedade luguesa interesada en asistir aos distintos relatorios que se desenvolverán na Facultade de Humanidades do campus de Lugo os días 8, 9 e 10 de maio.

Unha conferencia baixo o título ‘En defensa do decrecemento’, a cargo do profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo Arias prevista para o 20 de maio, xunto coa intervención do ex director da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, que visitará o campus lugués o 17 de xuño para falar sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos no século XXI, completan a programación dos IX Cursos de Primavera da Universidade de Santiago de Compostela.

Programa do IX Curso de Primavera da USC
O director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, abrirá o vindeiro 8 de maio, a partir de las 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, a quenda de relatorios do seminario A crise de occidente: unha visión multidisciplinar, cunha intervención que se desenvolverá baixo o título Xeopolítica das crises. Europa e o mundo 2013. Xa en quenda de tarde, o profesor de Filosofía Moral da USC Luis García Soto falará, a partir das 17.00 horas, sobre crises e democracias, onte e hoxe. Os relatorios Escribir despois de Auschwitz. A crise de occidente na poesía galega actual, a cargo da doutora en Filoloxía Galega e profesora da USC María Xesús Nogueira, e Inmigrantes na Voz de Galicia 2010-2012: O paraíso perdido (ou da benvida ao desencanto), da man de Carmen Silva Domínguez, profesora de Filoloxía Galega da USC, completarán os contidos desta primeira xornada do curso, que rematará coa proxección, a partir das 20.15 horas, dunha actividade audiovisual coordinada pola profesora de francés do Centro de Linguas Modernas no campus de Lugo, Martázul Busto.

O profesor de Xeografía Humana Antonio Doval Adán abrirá, ás 10.00 horas, a quenda de relatorios do xoves 9 de maio cunha intervención baixo o título Integración rexional e nacionalismos na Europa do século XXI. Ao seu remate, a doutora en Filosofía Moral Yolanda Martínez Suárez disertará sobre a negociación das identidades de xénero nos contextos de mobilidade cultural, mentres que o tamén profesor de Filosofía da USC Francisco Conde pechará a xornada de mañá cunha intervención baixo o título Crise e rehabilitación do suxeito na teoría psicanalítica.

Crise do Estado/crise da sociedade: distintas perspectivas sobre o mundo antigo é o título do relatorio que pronunciará, a partir das 17.00 horas, María Dolores Dopico Caínzos, profesora de Historia Antiga da USC. Unha hora despois, terá lugar o relatorio A crise alimentaria: cando a comida non sacia a fame, a cargo da profesora de Antropoloxía Social da USC Elena Freire Paz. A investigadora de Historia Contemporánea Alba Díaz Geada pronunciará logo unha charla titulada De campesiños a empresarios agrícolas. O declive do mundo rural galego no século XXI. O derradeiro relatorio desta segunda xornada do IX Curso de Primavera da USC, Mundos posibles: utopía para os tempos de crises, chegará da man da profesora de Filosofía Moral Beatriz Fernández Herrero.

O mapa mente, Europa está á marxe é o título da exposición coa que o profesor de Filoloxía Inglesa Jesús Varela Zapata, abrirá, a partir das 10.30 horas, a quenda de intervencións programadas no IX Curso de Primavera da USC para o 10 de maio. Saleta de Salvador Agra dará continuidade á xornada co relatorio Subxectividades na Rede, identidades en crise? e, ao remate da súa intervención, a profesora de Filoloxía Latina da USC Concepción Fernández López ofrecerá a súa particular visión sobre a agonía das humanidades.

As alternativas que ofrece a sociedade rural á crise ambiental centrará, a partir das 17.00 horas, a intervención de José Luis Carreira Valín, de Ecoagroturismo Arqueixal, e trala que o catedrático de Economía Aplicada da USC e actual voceiro do BNG, Xavier Vence, ofrecerá a súa visión sobre a crise da Unión Europea neoliberal. Un recital poético a cargo da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, dirixida por Claudio Rodríguez Fer, servirá de colofón do IX Curso de Primavera, un programa no que tamén se inclúen as conferencias de Carlos Taibo Airas, prevista para o 20 de maio, e do ex dirixente da Unesco Federico Mayor Zaragoza, que visitará a capital luguesa o 17 de xuño.

Información e matrícula
As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no IX Curso de Primavera da USC, un programa coordinado por unha comisión académica integrada polos profesores Xaquín Rodríguez Campos, Elena Freire Paz e Beatriz Fernández Herrero, poderán matricularse ata o vindeiro 26 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 98.82.15.13.

O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. O estudantado universitario matriculado no IX Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración. Asemade, a USC ten solicitada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a homologación deste curso para o profesorado de ensino primario e secundario.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova