Imprimir

O CONCELLO RECIBE UNHA COMUNICACIÓN DA XUNTA QUE SUSPENDE O PRAZO PARA RESOLVER SOBRE A PARTE DO PXOM PENDENTE DE APROBACIÓN DEFINITIVA


17/4/2013 A Xunta pídelle agora ó Concello un estudo para que emita informe a Confederación Hidrográfica

O Concello de Lugo recibiu este mediodía unha comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na que anuncia a suspensión do prazo previsto para resolver a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A Orde, asinada pola Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, ten data do 16 de abril, e xustifica esta decisión nun informe da Confederación Hidrográfica sobre o PXOM de Lugo que require do Concello a realización de Estudos Hidrolóxicos-Hidráulicos de todos os canles que afectan ós ámbitos deixados en suspenso na Orde da CMATI de data 29/04/2011, de aprobación parcial do PXOM.

Unha vez recibida a comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os distintos servizos municipais farán unha valoración polo miúdo dos pasos que é necesario dar para que o noso Concello consiga que a Xunta de Galicia dea a aprobación definitiva á parte pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Nunha primeira valoración, á espera dun análise en profundidade por parte dos distintos servizos municipais, o Concello expresa a súa sorpresa ante este novo requirimento de informes que non lle foran pedidos en ningún momento durante o proceso de tramitación do PXOM, que, como é sabido, obtivo a aprobación definitiva da Xunta de Galicia nun 95% o 29 de abril de 2011.

www.lugo.es/ws/pxom