Imprimir

O CONCELLO DENUNCIA UNHA MANOBRA DILATORIA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE PARA NON DAR A APROBACIÓN DEFINITIVA Á TOTALIDADE DO PXOM DE LUGO


18/4/2013

O Concelleiro de Urbanismo critica que se lle pida agora ao Concello que faga un informe sobre os cauces dos ríos para a Confederación Hidrográfica, que é a administración competente nesa materia

Luis Álvarez advirte de que esta manobra da Xunta atrasará durante varios anos a aprobación definitiva do PXOM porque a Confederación leva dous anos sen emitir informe sobre os pantaláns da praia fluvial


O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, criticou hoxe a asombrosa manobra dilatoria da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que vén de poñer en marcha para non darlle a aprobación definitiva á totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo.

Álvarez explicou que só así se entende que agora se lle veña a reclamar ó Concello que faga un estudo sobre os cauces dos ríos, no que se debe incluír planta e perfil transversal dos cauces, para a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, o organismo estatal que é precisamente quen ten a competencia sobre os cauces dos ríos.

O Concelleiro de Urbanismo considerou kafkiana esta situación, xa que o Concello incorporou na tramitación do PXOM a cartografía elaborada pola propia Confederación.

Tamén chamou a atención Álvarez sobre o feito de que a Confederación tardou só catro días, cunha fin de semana polo medio, en dar resposta á petición de informe que lle fixo a Consellería, a Secretaría Xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo solicitoulle informe á Confederación Hidrográfica o venres 15 de marzo e recibiu a resposta o martes día 19 de marzo, cando leva case dous anos sen emitir o que lle pediu o Concello para os pantaláns da praia fluvial.

Vistos os antecedentes, Luis Álvarez prevé que esta manobra da CEMATI suporá un atraso de anos na aprobación de todo o PXOM de Lugo. “Por moi rápidos que sexamos, pagando ese estudo cos cartos de todos os lucenses, a Confederación Hidrográfica vai tardar anos en contestar, é o que cabe esperar cando tarda dous anos en facer un informe respecto dos pantaláns da praia fluvial”, manifestou.

Tamén destacou o Concelleiro de Urbanismo que “a parte do 5% pendente de aprobación definitiva pola Xunta está tan ben xustificada que non cabe outra posibilidade que darlle a aprobación e por iso buscaron novas formas para non aprobar este Plan”. Neste sentido, Luis Álvarez acusou ás dúas administracións de formar unha pinza para que non saia adiante e advertiulles que “este Goberno está canso de tantas trabas pero non está esgotado, o noso interese é a defensa dos intereses dos cidadáns de Lugo e farémolo no menor tempo posible aínda que non cabe esperar o mesmo doutras administracións implicadas”.

 
Solucionado o vello problema urbanístico de Montero Ríos, 16

Por outra parte, o Concelleiro de Urbanismo amosou a súa satisfacción polo auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que vén de resolver o longo litixio do número 16 de Montero Ríos, ao aceptar a solución que lle deu o Concello para evitar a demolición do inmoble.