Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e El Progreso convocan a segunda edición do concurso de ambientación romana e castrexa organizado con motivo da festa do Arde Lucus


# Luns, 22/04/2013
O Alcalde destaca a importancia da implicación social na organización da festa e salienta a repercusión que ten o Arde Lucus para a economía da cidade

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Presidenta de El Progreso anuncia que haberá premios nas modalidades de ornato de fachadas e balcóns, escaparates, locais de hostalería e colexios

O Alcalde, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, e a Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, presentaron hoxe a segunda edición do concurso de ambientación romana e castrexa organizado con motivo da celebración da festa do Arde Lucus.

Con este concurso, convocado polo diario El Progreso coa colaboración do Concello de Lugo e que tamén conta co apoio da empresa Torre de Núñez trátase de estimular a todos os lucenses e a colectivos como hostaleiros, comerciantes e centros escolares para que engalanen a cidade con motivos romanos e castrexos durante o Arde Lucus.

O Alcalde agradeceu a implicación de El Progreso nesta iniciativa que se convoca por segundo ano consecutivo e destacou que o sentido da festa do Arde Lucus é, precisamente, que todos os colectivos cidadáns se involucren na recreación do noso pasado.

“O Arde Lucus non sería o que é sen a colaboración de toda a sociedade lucense, tanto a través das asociacións e dos colexios como dos medios de comunicación”, manifestou López Orozco que se plantexou o reto de que a festa experimente “unha constante mellora en calidade e en participación, para seguir promocionando a nosa cidade a partir da nosa historia”.

Ademais, o Alcalde salientou a importancia que ten para Lugo a celebración da festa do Arde Lucus mesmo nestes tempos de crise económica “en primeiro lugar polo importante movemento económico que xeneran este tipo de eventos, igual que sucedeu días pasados en Sevilla coa Feira de Abril, pero tamén porque aínda dos problemas moi serios destes tempos que corren temos necesidade de vivir, ter esperanza e ilusión”.

Pola súa parte, a Presidenta de El Progreso manifestou que “nos congratula que o Concello e El Progreso vaian da man tamén este ano, coa colaboración de Torre de Núñez, nestes premios para que Lugo sexa unha cidade completamente romana e castrexa neses tres días do Arde Lucus”.

Blanca García Montenegro tamén explicou que o concurso establece catro categorías que premiarán o ornato de fachadas e/ou balcóns, a ambientación de escaparates, de locais de hostalería e de centros docentes.

Para a categoría de fachadas e balcóns concederase un premio de 1.000 euros. No caso das categorías de escaparates e locais de hostalería concederanse cadanseu premio de 500 euros e na categoría especial de colexios haberá outro premio de 1.000 euros. Ademais, os gañadores recibirán un lote de produtos que entregará a empresa Torre de Núñez.

Os escaparates, locais e fachadas participantes no certame deberán estar montados, como mínimo, dende o xoves 13 de xuño, ás 12.00 horas e non poderán desmontarse ata o domingo, día 16 de xuño ás 20.00 horas.

Para participar no concurso haberá que cubrir un cupón de inscripción que se publicará no diario El Progreso. O prazo de inscripción rematará o día 11 de xuño ás 20.00 horas.

Un xurado, composto por representantes do Concello, de El Progreso e das asociacións romanas e castrexas do Arde Lucus, será o encargado de escoller as mellores ambientacións nas catro categorías. Emitirá o seu fallo no transcurso da semana seguinte á celebración da festa e valorarase especialmente a orixinalidade, a creatividade, a presentación e o rigor histórico dos motivos ornamentais cos que se pretende engalanar a cidade.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova