Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Os actos culturais do programa LVCVS CVLTVRAL desenvolveranse dende o 3 de maio ao 12 de xuño


# Luns, 29/04/2013
A Concellería de Cultura xunto coas asociacións do Arde Lucus organizan diversos actos culturais nos diferentes barrios das cidades

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Como novidade está a convocatoria do I Certame de Sev Lvdvs Litterarvm Lvcvs Cvltvral que será integramente en Latín e que remata o prazo de presentación o 31 de maio

A Concelleira de Cultura, Xuventude, Turismo e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou as actividades culturais previas ao Arde Lucus, o Lvcvs Cultural, que se celebrarán entre o 3 de maio e o 12 de xuño. No acto tamén estiveron presentes representantes das asociacións de romanos e castrexos da cidade.

Esta serie de actos culturais, englobados baixo o nome “Lvcvs Cvltvral”, divídense en catro grandes bloques: ciclo de conferencias, visitas Lucus Cultural, xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade e actividades.

O ciclo de conferencias comezan o mércores 29 de maio sobre Descubrindo as mulleres galaicas:como era a muller na Galicia romana?, impartida por Ana Suárez Piñeiro, no MIHL dende as 20:00 horas. O Museo Interactivo da Historia de Lugo, tamén é o lugar escollido para a seguinte conferencia, o xoves 30 de maio ás 20:00 horas e impartida por Ángel Villa Valdés, que versará sobre Antes e despois de Lucus Augusti:a vida nos poblados fortificados do Navia-Eo.

Por outra parte, as conferencias organizadas polo Concello e pola asociación Cohors III Lucensium, comezan o 10 de xuño ás 20:30 horas, na que Mercedes Torres Carro falará sobre os De que falamos cando falamos de mosaicos romanos. A seguinte sesión será o día 11 de xuño ás 20:30 horas impartida por Luis Hueso Montón sobre Roma no cine: a historia e a ficción. Finalmente, o mércores 12 de xuño, Silvia González Soutelo departirá sobre a Auga, ás 20:30 horas. Todas estas conferencias terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

En canto ás visitas culturais guiadas terán lugar os días 3, 10 e 24 de maio, dende as 11 da mañá, e formaranse grupos de ata 25 persoas para cada unha das visitas. Estas serán visitas ao Lugo Romano, coñecendo os puntos máis destacados da cidade. Os grupos de visita completaranse por orde de inscrición que se poderá facer a través do teléfono 010.

Carmen Basadre tamén anunciou que un ano máis se van levar a cabo talleres nos diferentes barrios da cidade. Así, o 4 de maio as asociacións Terra Copora e Corazóns Artesáns estarán na praza de Augas Férreas dende as 17:00 ás 20:00 horas realizando actividades para nenos e maiores, entre outros, un obradoiro de cestería. O seguinte sábado, o día 11 de maio, Trebas Galaicas e Corazóns Artesáns, levarán a cabo actividades similares na praza do Castiñeiro. O sábado 18 de maio, as asociacións Tir Na N´Og e Corazóns Artesáns realizarán na praza da Milagrosa actividades como tecido nun tear celta ou diferentes xogos. Finalmente, o sábado 25 de maio, na praza da Soedade, haberá actividades como técnicas de tecido e obradoiros infantís a cargo das asociacións Corazóns Artesáns e Cohors I Lucensium Praetoria e Senatus Lucus Augusti.

A responsable da área de Cultura, tamén sinalou que dende o 13 de maio, se poderán visitar diferentes exposicións sobre o Arde Lucus no Museo Interactivo da Historia de Lugo. As exposicións, organizadas pola Asociación Terra Copora, conteñen reproducións sobre Roma en Guerra, Construíndo un Imperio, Corpus Hipocraticum e Cerámica Castrexa.

Enmarcado dentro do programa do Lvcvs Cvltvral tamén se realizaran actividades tan diversas como o desfile de moda Lvcvs Moda o sábado 4 de maio, un mercado de produtos do Arde Lucus con degustación na Praza de Abastos o día 18 de maio ou o Ars Magirica de tapas e menús.

I Certame en Latín

Carmen Basadre, tamén anunciou como unha das novidades do Lvcvs Cultural, a convocatoria do I Certame Sev Lvdvs Litterarvm Lvcvs Cvltvral. Poderán participar persoas de calquera nacionalidade e cunha idade comprendida entre os 14 e os 28 anos de idade coa única condición de que o relato, non superior a dúas carillas dun folio, ten que estar integramente en latín. O tema será a cidade de Lugo dende o punto de vista histórico. O prazo para presentar os traballos remata o 31 de maio de 2013. Os premios establécense en dúas categorías: 14-17 anos cun premio valorado en 300 euros; e para participantes entre 18 e 28 anos nun premio de 300 euros ou unha invitación para dúas persoas á festa do Arde Lucus con aloxamento e almorzo durante as tres noites da fin de semana.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova