O Concello dá solución e deixa a Xunta sen escusas para executar o Plan Paradai
# Xoves, 02/05/2013
Luis Álvarez anunciou ademais a intención de permutar os terreos da Xunta de Compensación do polígono de Paradai para que sexan públicos
O Alcalde accidental e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou esta mañá do bo camiño que seguen as negociacións cos propietarios de dúas casas no polígono C de Paradai para a súa compra por parte da Xunta de Compensación que desenvolve urbanisticamente dita zona.
Así, Luis Álvarez, informou que na última reunión da Xunta de Compensación, que tivo lugar o martes, anunciouse que a propietaria dunha das casas afectadas xa aceptou o valor da taxación estimado en 51.000 euros pola vivenda. Ao longo da semana, os propietarios da outra casa coa que comparte medianeira tamén informarán se aceptan ou non o valor de taxación ofrecido pola Xunta de Compensación. O fin de ambos acordos é proceder á demolición de ambos edificios e ter dispoñibilidade absoluta para que a Xunta leve a diante o Plan Paradai.
Neste caso, Luis Álvarez, sinalou que “estamos a falar dunha boa noticia tanto para o desenvolvemento do barrio como da cidade xa que con estas actuacións a Xunta xa non pode poñer escusas para levar a cabo as obras do Plan Paradai”.
Por outro lado, o responsable da área de Urbanismo, tamén informou da proposta feita polo Concello, que é propietario do 14% dos terreos, aos membros da Xunta de Compensación do polígono C de Paradai para permutar eses terreos por outros que formen parte do patrimonio municipal. Desta maneira, esas parcelas pasarían a ser integramente públicas polo que se evitaría a construción de novas edificacións pasando a ser zona verde ou ben poñelos a disposición doutras administracións interesadas en realizar novas infraestruturas que a cidade precise.
Compartir: