Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo súmase á celebración do Día de Europa cun acto institucional celebrado na Praza Maior


# Xoves, 09/05/2013
O Alcalde leu o manifesto que aposta por potenciar a dimensión cidadá da UE e reclama novas políticas económicas que vaian máis aló da austeridade

Imaxe Asociada
Durante todo o día está instalada unha mesa informativa e celébranse actividades para nenos e nenas

O Alcalde, José López Orozco, presidiu hoxe o acto institucional organizado polo Concello para conmemorar o Día de Europa que se celebra, este ano, baixo o lema “Trátase de Europa, trátase de ti” e que está adicado especialmente á cidadanía.

O Alcalde foi o encargado de ler o manifesto no acto institucional que festexou esta celebración, o izado da bandeira de Europa na Casa do Concello e a interpretación do himno de Europa.

Ademais, instalouse unha mesa informativa e durante todo o día haberá diversas actividades dirixidas ós nenos e nenas na Praza Maior.

No manifesto, o Alcalde sinalou que “igual que os cidadáns do resto dos Estados membros, os lucenses conmemoramos con este acto un acontecemento decisivo na historia de Europa, xa que o día 9 de maio de 1950 un dos pais do que hoxe é a Unión Europea, Robert Schman, fixo a súa famosa declaración consistente na proposta da creación dunha Europa organizada” e destacou que “63 anos despois, o 9 de maio tense convertido nun dos símbolos que identifican a Unión Europea”.

“Nestes anos, 27 países sumámonos a este proxecto e 2013 será outro ano de ampliación. Felicitámonos porque a Unión vaise ver reforzada, neste ano, coa adhesión dun novo membro: a República de Croacia”, proseguiu o Alcalde.

Para José López Orozco, “esta incorporación ten unha significación moi especial, porque se produce nun momento de gran incertidume, derivada da profunda crise que afecta non só ós sectores económicos senón, fundamentalmente, á cidadanía, e, por extensión, ó modelo de integración que tan bos resultados deu desque foron constituídas as comunidades europeas, hai máis de medio século”.

Neste sentido, considerou que “a adhesión da República de Croacia vén demostrar que, a pesar da difícil situación que viven millóns de cidadáns europeos que os levan a cuestionar as vantaxes da súa pertenza á Unión Europea, o proxecto de integración, a construción dun espazo europeo unido e potencialmente competitivo nun mundo globalizado, como é o actual, ten máis sentido que nunca”.

O manifesto continúa indicando que “para nós, nestes momentos é moi oportuno que a cidadanía celebre o seu ano pedindo e mesmo esixindo ós gobernantes o respecto dos dereitos que recolle o Tratado da UE, que son complementarios dos dereitos nacionais”.

Tamén sinalou que “ante os retos económicos e financeiros ós que nos enfrontamos os estados membros, é urxente potenciar a dimensión cidadá da UE. É necesario que os cidadáns coñezan e fagan valer os seus dereitos, non suficientemente coñecidos pola maioría, porque hoxe é aínda máis necesario que Europa sexa máis democrática”.

López Orozco defendeu que “a participación de cada cidadán na comunidade e na sociedade da que forma parte é vital para a saúde democrática e o futuro da Unión Europea, xa que esa é a única maneira de que os cidadáns recuperen a confianza nos gobernos europeos”.

“Desque estalou a crise financeira en Europa, os nosos gobernantes non atoparon a maneira de superar a situación. Vivimos tempos de recesión na maioría dos países, o que demostra que as políticas baseadas exclusivamente na austeridade non fan máis que agravar o problema, que é especialmente agudo nos países chamados periféricos”, asegurou o Alcalde.

Deseguido dixo que “nun día como hoxe, recoñecemos a importancia de avanzar na construción dunha Europa unida e reafirmamos a nosa vocación europea, porque necesitamos unha solución europea para todos os problemas que soportamos moitos países e pensamos que non hai solución para eles fóra da Unión Europea”.

Por último o Alcalde deixou constancia de que “o Concello e os veciños de Lugo defendemos que o noso futuro está en Europa porque tampouco o noso pasado se comprende sen Europa e na nosa cidade temos moitas probas de como os fondos chegados da Unión Europea nos axudan a traballar no emprego, na formación e na conservación do noso patrimonio histórico e cultural”.

www.lugo.es/europedirect

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova