Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e a Deputación apoian ós traballadores de Alimentos Lácteos e reclámanlle a Xunta que asuma as súas responsabilidades


# Venres, 10/05/2013


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde e o Presidente da Deputación pedirán por escrito ó Presidente da Xunta que o Goberno galego non siga pasivo ante o risco de destrución de máis postos de traballo e ínstano a defender un sector vital para a economía de Galicia

O Pleno do Concello de Lugo xa aprobou unha moción o luns, que apoiaron o PSOE e o BNG e rexeitou o Partido Popular


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, reuníronse hoxe cos representantes traballadores de Alimentos Lácteos que hoxe realizaron unha marcha a pé dende a fábrica de Outeiro de Rei ata Lugo para protestar pola difícil situación na que se atopan e a falta de resposta da Xunta de Galicia.

O Alcalde e o Presidente da Deputación expresáronlles o apoio das dúas institucións ós traballadores, que levan máis de dous meses agardando sen saber se a planta volverá funcionar ou se acabará presentándose un concurso de acredores, algo que podería producirse a finais deste mes se a Xunta non toma cartas no asunto.

O Alcalde manifestou, trala xuntanza, que “é urxente que a Xunta apoie este proxecto, que é moi importante para Lugo, para a provincia e o conxunto de Galicia”.

“A Xunta non pode poñerse da parte de atrás, ten que dar a cara, porque este é un proxecto viable, que pode dar beneficios en dous ou tres anos, e non podemos deixar que morra”, declarou o Alcalde.

López Orozco tamén expresou o seu agradecemento, como Alcalde, ós traballadores por “este esforzo que están a facer na defensa dos seus empregos e, tamén, dunha industria que favorece ás cooperativas da provincia nun sector que de gran importancia para a nosa economía”.

Ademais, anunciou que na reunión tanto o Alcalde como o Presidente da Deputación “comprometémonos a mandarlle un escrito ó Presidente da Xunta, para explicarlle a situación e pedirlle que interveña e comprometémonos, así mesmo, a que nos vindeiros Plenos se presentarán proposicións na defensa do sector lácteo e dos traballadores”.

Primeiro fiasco de Feijóo

Pola súa parte, o Presidente da Deputación destacou que “o Presidente da Xunta debe respostar se está comprometido con este proxecto tan importante para a Galicia interior, que parece que non existe para o Goberno galego”.

Gómez Besteiro asegurou que Alimentos Lácteos “é o primeiro gran fiasco do Presidente da Xunta e non lle vai poder botar a culpa a ninguén, nin ó bipartito, nin a Zapatero, nin a Kennedy nin a Nixon porque foi el quen optou, hai tres anos por unha solución criticada por todos”.

Destacou tamén que “a Xunta é responsable desta situación e agora ten que respostar polos cartos públicos que se puxeron e polas perdas que orixinou a xestión pública deste proxecto e agora o tempo esgótase e non se pode dar a espantada”.

Os representantes dos traballadores, que viven momentos de grande incerteza respecto de cal será o futuro da empresa e dos seus empregos mentres agardan dende hai máis de dous meses unha resposta da Xunta, agradeceron ó Alcalde de Lugo e ó Presidente da Deputación provincial que os recibiran e os apoiaran.

Apoio do Pleno do Concello de Lugo

Esta mesma semana o Pleno do Concello de Lugo xa aprobou unha moción na defensa de Alimentos Lácteos, que recibiu os votos a favor do PSOE e do BNG mentres que o Partido Popular votou en contra da iniciativa.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova