Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A colaboración entre Concello e Acuanorte fará de Lugo un referente para os concellos españois no abastecemento e saneamento da auga


# Luns, 13/05/2013
O Alcalde e a Directora Xeral de Acuanorte presidiron unha reunión da Comisión que avaliou a marcha dos proxectos para mellorar as infraestruturas do ciclo da auga

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde salientou a colaboración entre as dúas administracións en beneficio dos cidadáns
A Directora Xeral de Acuanorte destacou que Lugo é un socio exemplar e que “non hai Concello que pague máis rápido e máis puntualmente”

O Alcalde, José López Orozco, e a Directora Xeral da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas del Norte S.A. (Acuanorte), Isabel Pérez-Espinosa González-Lobón, presidiron as comisións de seguimento dos Convenios entre o Concello de Lugo e Acuanorte que se reuniron esta mañá na Casa do Concello para avaliar a marcha dos distintos proxectos de mellora do abastecemento e saneamento de auga en Lugo.

Logo da xuntanza, o Alcalde e a Directora Xeral de Acuanorte informaron ós medios de comunicación que no encontro analizouse a marcha dos proxectos para a construción das obras previstas nos convenios para a Ampliación do sistema de abastecemento de auga e de execución de Colectores xerais do río Miño en Lugo (segunda fase) e tamén se fixo o seguimento das dúas primeiras fases dos convenios de abastecemento de auga a Lugo.

O Alcalde destacou que se están cumprindo tanto os prazos previstos como o financiamento das obras e amosou o agradecemento do Concello pola gran colaboración que lle presta Acuanorte a Lugo.

“Esta é a mostra de como deben traballar as administracións, independentemente das persoas e dos partidos políticos que as dirixan, pensando só no interese xeral, xa que estas son unhas obras que non se vén pero son fundamentais para o desenvolvemento futuro da cidade”, declarou López Orozco.

No mesmo sentido, Pérez-Espinosa salientou que o traballo coordinado das dúas administracións vaille permitir a Lugo a renovación total do abastecemento e saneamento, o que converterá ó noso Concello nun referente para todos os municipios españois no tocante ó ciclo integral da auga e na garantía de abastecemento e sinalou que "non hai Concello que pague máis rápido e máis puntual tanto as tarifas como os compromisos que asume nos investimentos".

O Concello e Acuanorte colaboran tanto na mellora do abastecemento de auga como do saneamento. Nos dous casos, o financiamento correrá por conta de Acuanorte, a través dos fondos FEDER, que achegará o 80% do presuposto, e do Concello, que asumirá o 20% restantes.

O novo proxecto para a mellora do saneamento consistirá na construción do quinto colector, que ten un orzamento de 9 millóns de euros. Son 5 km de novas conducións e con esta obra remataranse as actuacións de saneamento que se iniciaron mediante a colaboración entre o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que construíron a nova Estación Depuradora de Augas Residuais e os outros catro colectores.

Tocante á mellora do sistema de abastecemento de augas, as actuacións que contempla, que inclúe tanto actuacións na zona urbana como na alfoz do Miño para darlle servizo á parroquias da zona rural, teñen un orzamento de 6,5 millóns.

No proxecto de obras complementarias da segunda fase do abastecemento de auga, que xa está en licitación, inclúese a rehabilitación da cuberta do depósito do Ceao e na construción dun novo depósito, tamén no Ceao. O prazo de execución é de seis meses e está previsto que os novos equipamentos estean en funcionamento en marzo de 2014.

O convenio para a ampliación do abastecemento contempla a creación dos dous aneis hídricos da zona Este, que vai das Gándaras á estrada da Fonsagrada, e o da zona Oeste ata a marxe do río Miño. Con estas actuacións remátase a rede de abastecemento de Lugo que totaliza un investimento de máis 50 millóns de euros.

En canto ós prazos de execución, a Directora Xeral de Acuanorte anunciou que as dúas primeiras fases das obras en materia de abastecemento estarán acabadas en marzo de 2014, a ampliación do abastecemento acabarase en xullo de 2015 e o quinto colector estará rematado en agosto de 2015.

Nas dúas primeiras fases para mellorar o abastecemento de auga, que incluíron a construción da nova Estación de Tratamento de Auga Potable, así como varios depósitos e conducións, investíronse máis de 40 millóns de euros.

En total os investimentos para levar a cabo todas as actuacións referidas ó abastecemento e saneamento de auga en Lugo achéganse ós 170 millóns de euros.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova