Imprimir

O MARTES 14 COMEZA CON MOITAS NOVIDADES A 31ª EDICIÓN DA FEIRA DO LIBRO DE LUGO


14/5/2013

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada pola Coordinadora da Feira e representante da Federación de Librarías de Galicia, Mar Vázquez, e por Antonio Fernández Maira, presentaron a 31º Feira do Libro de Lugo que se celebrará dende o martes 14 ao domingo 19 de maio.

Os postos de exhibición e venda de libros estarán situados na Praza Maior e abertos de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00. A fin de semana e o festivo o horario de mediodía alóngase ata as 14:30.

Como unha das moitas novidades desta edición, a Feira non comezará co clásico pregón de apertura senón que se substitúe por un espectáculo de poesía, música e humor a cargo de María Lado e de Lucía Aldao. Tamén este ano, as casetas contarán con programación individual como son conferencias e charlas e sinatura de libros por parte dos autores.

O listado de participantes comprende á El Faro de los Tres Mundos, Librería La Voz de la Verdad, Librería Aguirre, Deputación Provincial, Libros Para Soñar, Librería Biblos, Gran Enciclopedia Galega, Librería Trama e máis a Libraría Cartabón. Tamén haberá unha caseta para a Biblioteca da Feira, outra con Información e Punto de Encontro e unha Carpa de Actividades.


31º FEIRA DO LIBRO DE LUGO

Día 14. Martes.
18.00 A maxia na feira do libro. Divertida actuación do Mago Toño, co seu espectáculo Gravidade cero.
19.00 Inauguración da feira. Actuación dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.
20.00 Urdime Teatro representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

Día 15. Mércores
18.00 Actividade infantil. Contacontos musical a cargo de Avoa Youja.
19.00 Presentación do libro Feminismos, da escritora María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto coa autora do libro, participará no acto Encarna Otero. Ao remate da presentación, a escritora asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Trama.
20.00 Coloquio con humor. Contos das 3.651 noites. Divertidos relatos a cargo de Lois Pérez

Día 16. Xoves.
18.00 Obradoiro de música tradicional Fábrica de Sons, dirixido por Jesús Villarino.
19.00 Presentación do libro +cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampile Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto Francisco Castro e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
20.00 Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado pola Editorial Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro e Francisco Castro, representante da editorial.

Día 17. Venres. Día das Letras Galegas.
12.00 Inauguración da exposición de Fotografías Coñece a túa cidade, con obras dos alumnos do colexio Rosalía de Castro de Lugo. A exposición estará situada nos soportais do concello.
12.00 Obradoiro infantil de origami Crea o libro das palabras, realizado por Cucarandainas.
13.00 Interpretación de música tradicional na Praza Maior, a cargo do alumnado dos centros de ensino de Lugo.
18.00 Festa poética Xistral. Recitado de poemas e lecturas de Roberto Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, co acompañamento musical de zanfona, a cargo de Mini,
18.00 Actividade infantil. Ana Carreira representa Touporroutou, baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
19.00 O escritor Antonio Reigosa, presenta o seu libro O aprendiz de home do saco, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participará non acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.
20.00 Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, do escritor Ramón Nicolás, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participarán no acto Luís Ferreiro, fillo do escritor, María Reimóndez, Manuel Bragado e o autor do libro.

Día 18. Sábado.

12.00 Obradoiro e música tradicional Fábrica de Sons, dirixido por Jesús Villarino.
13.00 Actuación na Praza Maior da banda de gaitas Devandoira, de Lugo, dirixida por Carlos Lorenzo.
13.30 Encontro de literatura fantástica con Contos Estraños e Urco Editoras, coa presentación das obras O mundo secreto de Basilius Hoffman de Fernando M. Cimadevila, Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran. A revolta dos mestres, de Xosé Duncan.
18.00 Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por por Nova Galicia Edicións.
19.00 As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os monicreques galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de monicreques galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde.
20.00 Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.

Día 19. Domingo.

12.30 Actividade infantil. Asunción Carracedo cóntanos a historia de Oto & Oli, baseado no libro infantil do mesmo título. Actividade organizada pola Libraría El Faro de los Tres Mundos.
18.00 Actividade infantil. Teatro Babaluva presenta Babacontos.
19.00 Presentación do libro de poemas Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
19.45 Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide publicado pola editorial Redelibros.
A partires das 19.00 horas, os dous autores e José Estévez López, autor dos libros Fugaz coincidencia e Nair, asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.