Cargando....
Concello de Lugo
22/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A exposición "Imaxes con Fondo" estréase mañá en Lugo no marco do VI Encontro das Culturas


# Luns, 20/05/2013
A Concelleira de Benestar Social inaugurará a mostra xurdida do concurso fotográfico organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Imaxe Asociada
O programa do Día Mundial da Diversidade Cultural inclúe a proxección do documental realizado por Agareso sobre o Fondo, do que é socio o Concello

A exposición ‘Imaxes con Fondo’, xurdida do concurso fotográfico do mesmo nome organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estrearase mañá dentro do VI Encontro das Culturas organizado polo Concello de Lugo, que é socio da devandita entidade municipalista.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, inaugurará a mostra, ás 19 horas, no Centro de Convivencia de Fingoi. A programación prevista no Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento continuará coa presentación do documental ‘O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade’, realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

A programación do VI Encontro das Culturas, que organiza a Concellería de Benestar Social e Igualdade, desenvolverase durante toda a semana e xa comezou hoxe , coa proxección do documental e a exposición fotográfica Camiños de paz: as outras voces de Israel-Palestina producido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e a Asemblea de Cooperación pola Paz, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, onde tamén se ofreceu unha degustación de comida árabe.

O mércores, 22 de maio, as actividades están dirixidas para o público máis pequeno xa que se levará a cabo o contacontos A música das árbores, unha viaxe conto musical do Courel a Bangladesh de Anxo Moure. Será ás 17.00 horas no Centro Convivencia Maruja Mallo e ás 19.00 no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.

O 23 de maio, Nieves Pazos, Zita Méndez e Isabel Ozores Sieira impartirán diferentes charlas informativas sobre o dereito a atención sanitaria e novidades en estranxeiría ás 19.00 horas no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.

Finalmente, o venres 24, celebrarase, ás 19.30 da tarde, no Centro de Convivencia de Fingoi, o Concerto Entre Culturas da man do músico uruguaio, Walter César López, que coa súa música fará un percorrido por diferentes zonas de Uruguai da man de Alfredo Zitarrosa.

Imaxes con fondo

A exposición de fotografías, que poderá visitarse ata o 26 de maio, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que apostan polas condutas solidarias e respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.

En canto ao documental, elaborado por un equipo de voluntariado profesional de Agareso, amosa os proxectos de cooperación impulsados polo Fondo Galego en Nicaragua, Cuba e Cabo Verde, pero tamén as actividades de sensibilización realizadas en Galicia, amais de explicar a razón de ser da entidade. O cámara Xacobe González e a xornalista Mónica González mesmo se desprazaron ao arquipélago africano para filmar as actuacións cofinanciadas, mentres que algunhas imaxes enviáronas os parceiros desde terreo e outras rodáronse en Galicia. Contribuír á concienciación sobre os desequilibrios Norte-Sur e sobre a importancia da cooperación como ferramenta de cambio, amosando o papel das administracións locais galegas neste eido, é o obxectivo do audiovisual.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Todo o programa en pdf: 2013_VI_Encontro_das_Culturas.pdf


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova