Cargando....
Concello de Lugo
20/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta a festa do Arde Lucus en Madrid


# Martes, 21/05/2013
O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua animaron aos madrileños a pasar o fin de semana do 14 ao 16 de xuño en Lugo para que vivan la celebración que revive el pasado romano

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Destacaron que todas as persoas que queiran viaxar entre o 11 e o 18 de xuño a Lugo nos autobuses Alsa terán un desconto do 25% nos billetes

Cada ano participan máis persoas na festa do Arde Lucus que na súa última edición se aproximou aos 400.000 visitantes

Dende comezos de maio lévanse a cabo diferentes actividades enmarcadas dentro do Lvcvs Cvltvral que informan sobre a cultura e forma de vida dos romanos e castrexos


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o Director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, presentaron o Arde Lucus, festa declarada de Interese Turístico Galego. O obxectivo deste acto era dar a coñecer esta festa na capital de España e animalos a que os días 14, 15 e 16 de xuño se acheguen a gozar cos veciños e veciñas de Lugo. No acto estiveron custodiados por unha representación das lexións romanas formadas por membros da Cohors III Lucensium e da Garda Pretoriana.

Ónega deu a benvida á Casa aos ecos da romanidade de Lugo cos que, recordou, contactou de neno, cando se desprazou á cidade dende o seu Mosteiro-Pol natal para estudar o bacharelato nos Maristas. En ton de humor, o Delegado da Xunta pediu ao Alcalde López Orozco que mande descubrir algunhas cousas que considera de interese da antiga Lucus para a actual cidade e os seus moradores, do que se valeu para enxalzar á provincia, os seus produtos e as súas xentes. Así, interesouse, entre outras cousas, por se Fabio Máximo, fundador de Lugo, se afeccionou ao polbo na cidade e como o condimentaba e cortaba e con que viños o acompañaba; tamén por onde estaban o anfiteatro e a morada da namorada do trobador Fernando Esquío.

López Orozco deu as grazas polo recibimento e a oportunidade para presentar unha festa "moi nova no tempo pero cunha gran repercusión a nivel local e mesmo internacional na que todos os veciños e veciñas se involucran para dar un maior realismo á festa". O Alcalde destacou que dende o Concello se traballa moito para sorprender a veciños e visitantes cada ano con novas actividades para o desfrute de pequenos e maiores. Ademais invitou a todas as persoas que queiran pasar un fin de semana de diversión, boa comida e importantes restos arqueolóxicos a que se acheguen a Lugo "xa sexa Arde Lucus ou calquera outro fin de semana do ano que nós os recibiremos cos brazos abertos e con máis de 2.000 anos de historia para ensinar".

Pola súa banda, Carmen Basadre, destacou que "este ano haberá mais de 190 actividades, das que 55 son totalmente novas con respecto a edicións anteriores aínda que se seguen mantendo as clásicas. " Como en anos anteriores, montarase o Macellum, onde poden comprar produtos típicos, espectáculos de teatro pola rúa, as vodas e bautizos polo rito celta e romano, desfiles de tropas, as bacanais ou as loitas entre romanos e castrexos. Dentro das novidades, destacan unha renovación do Circo Romano; a constitución do senado romano e dun grupo de mulleres chamadas as Asemblearias coas que competiran dialecticamente ou as olimpíadas romanas protagonizadas por diferentes clubs deportivos da cidade.

Entre as grandes novidades deste ano destaca a participación de Arsdimicandi, un grupo de gladiadores romanos da zona de Bérgamo, que por primeira vez, visita Lugo e que interactuar cos visitantes durante as súas loitas polas rúas. Estes especialistas, participaron nas recreacións de loitas da serie de televisión Roma. Outra das novidades é a participación de Tierraquemada unha asociación de Numancia na que estudan e recrean as loitas numantinas entre iberos e romanos.

Por outro lado, o Castra de Lucus Augusti será, por segundo ano consecutivo, un espazo natural pechado e situado na rúa Carril dos Fornos, moito máis amplo que en anteriores edicións. Nel montaranse os campamentos das asociacións Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e Tir Na N'Og, e Lvcvs Eqvites. A Cohors III Lucensium asentarase na Praza Maior na que realizará varios desfiles ao longo do fin de semana. Finalmente, o campamento Trebas Galaicas estará situado no cantiño de Nemesio Cobreros.

Tamén o Miúdo Arde, situado na Praza San Marcos, na que se desenvolverá un apertado programa entre os que destaca Qui somnia. Solis et venti para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Carmen Basadre indicou que a cidade está a preparar os motores da festa e explicou que cada ano conta cun un maior número de visitantes, chegando a reunir o ano pasado preto de 400.000 persoas.

O centro histórico da cidade énchese de actividades que recrean os inicios de Lucus Augusti e das que gozan lucenses e visitantes de todas as idades. As rúas engalánanse para transportar a todos os participantes aos tempo da Antiga Roma, cada praza terá actividades para todas as idades, para que todos gocen da festa e que o casco histórico se converta nunha cidade máxica que faga viaxar no tempo.

O Arde Lucus é unha festa para toda a familia na que, a pesar da participación masiva, o programa se desenvolve sen incidencias, polo esforzo que realizan os técnicos da Concellaría de Xuventude e polos demais servizos implicados na festa: Protección Civil, os servizos de limpeza, os servizos eléctricos, a Policía Local e Bombeiros.

Web de Arde Lucus: www.ardelucus.com

Descontos do 25% en Grupo Alsa

Este ano e, en vista do éxito da edición pasada, haberá máis facilidades para viaxar á cidade de Lugo durante as festas do Arde Lucus. Así, o confirmou o Concello de Lugo e o Grupo Alsa que chegaron a un acordo para facer un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a gozar da festa, que se celebra os días 14, 15 e 16 de xuño. Ademais, o compromiso base é facer unha promoción da festa por toda España a través dos percorridos que o Grupo Alsa realiza. Deste xeito, todas aquelas persoas que vaian viaxar á cidade entre o 11 e o 18 de xuño poden comprar os billetes aos que se lles aplicase un 25% de desconto sobre estes. A idea é que as persoas de toda España se acheguen a Lugo proporcionándolles unha rebaixa na viaxe para que nesta época de dificultades todos teñan mellores posibilidades.

Merchandising oficial
Outro ano máis o Concello de Lugo venderá os produtos oficiais para o Arde Lucus 2013. Son un vaso de cerámica, un alfinete de bronce para o pelo e unha fíbula que terán un prezo de entre 3 a 20 euros respectivamente.

Os vasos de cerámica, tamén se poderán adquirir nos locais de hostalaría, están elaborados polo artesán José Manuel Fernández, en terra sigillata, o máis parecido á cerámica romana de bastante calidade e de características especiais. Outro dos produtos é un alfinete para o pelo, unha das xoias máis empregadas polas mulleres romanas. Trátase dunha réplica similar ao acus crinalis que se encontra no Museo Arqueolóxico de Ourense e está elaborada polo artesán lucense José Manuel Castro Neira. É un adorno persoal elaborado en bronce e coa cabeza balaustrada. O valor deste produto para a venda é de 10 euros.

Finalmente, tamén se poñerá á venda, fíbulas, de tipo anular en omega e elaboradas polo artesán Castro Neira, moi similar ás que se poden ver en Museo do Castro de Viladonga. Este adorno serve para suxeitar as capas, vestidos ou de adornos nalgúns cintos. O prezo da venda será de 20 euros. Todas aquelas persoas que queiran comprar estes produtos poden facelos no posto que o Concello instalará na Praza Maior.

Lucus Cultural
Como cada ano, dende finais de maio e ata que empeza a festa, lévanse a cabo diferentes actividades culturais, o Lvcus Cultural. Estas actividades desenvolveranse dende o sábado 4 de maio ata o mércores 12 de xuño.

Esta serie de actos culturais, englobados baixo o nome "Lvcvs Cvltvral", divídense en tres grandes bloques: ciclo de conferencias, visitas Lucus Cultural e, por segundo ano consecutivo no Arde Lucus, xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade.

O ciclo de conferencias empezan o mércores 29 de maio con Descubrindo as mulleres galaicas:como era a muller na Galicia romana?, impartida por Ana Suárez Piñeiro, no MIHL dende as 20:00 horas. O Museo Interactivo da Historia de Lugo, tamén é o lugar escollido para a seguinte conferencia, o xoves 30 de maio ás 20:00 horas e impartida por Anxo Vila Valdés, que versará sobre Antes e despois de Lucus Augusti:a vida nos poboados fortificados do Navia-Eo.

Por outra parte, as conferencias organizadas polo Concello e pola asociación Cohors III Lucensium, empezan o 10 de xuño ás 20:30 horas, nas que a experta Mercedes Torres Carro falará sobre De que falamos cando falamos de mosaicos romanos. A seguinte sesión será o día 11 de xuño ás 20:30 horas impartida por Luis Hueso Montón sobre Roma no cine: a historia e a ficción.

Finalmente, o mércores 12 de xuño, Silvia González Soutelo departirá sobre a Auga, ás 20:30 horas. Todas estas conferencias terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Ars Magirica - Xornadas Gastronómicas
Durante o mes de maio tamén ten lugar o Ars Magirica, unhas xornadas gastronómicas que complementan ao resto de actividades pero dende un punto de vista culinario, de maneira que os cidadáns poidan coñecer os costumes gastronómicos da época. Nela, participan diferentes establecementos hostaleiros que entre os días 3 e 26 de maio ofrecerán tapas e menús degustación de época romana e castrexa con produtos que se usaban na época. Isto vai acompañado da torta do Arde Lucus, elaborada con améndoas e noz, e que está á venda nas pastelarías da cidade. Tamén as panadarías participan na festa e nalgunhas delas poderase adquirir distintas variedades de pan romano.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova