Os propietarios de edificacións que non cumpran as ordes de execución terán que pagar unha taxa por ocupación da vía pública pola instalación de elementos de protección dos inmobles
# Mércores, 22/05/2013
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a modificación da Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións
O Goberno local tamén acordou o nomeamento de Marta López como Coordinadora das Áreas de Alcaldía e Servizos Xerais
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, anunciou hoxe a modificación da Ordenanza sobre Conservación, Rehabilitación e Estado ruinoso das Edificacións para establecer unha taxa que obrigue ós propietarios de inmobles que incumpren ordes de execución ditadas polo Concello a pagar unha taxa por ocupación da vía pública
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de modificación da Ordenanza consistente na incorporación dunha disposición adicional e unha disposición transitoria.
Segundo explicou Luis Álvarez, a disposición adicional recolle que calquera actuación que precise da ocupación da vía pública como consecuencia do incumprimento do deber de conservación estará suxeita ó abono por parte da propiedade das taxas previstas por ocupación de vía pública.
A liquidación das taxas por ocupación de vía pública, como consecuencia dun incumprimento do deber de conservación executada pola Administración Local, cando non cumpra o ordenado ou cando se ordenase a súa adopción por existir un perigo grave e inminente, farase mensualmente con cargo á propiedade cunha contía mínima de 300 € mensuais.
Igualmente se fará dita liquidación mensual das taxas por ocupación de vía pública cunha contía mínima mensual de 300 € a partir do mes seguinte ó remate do período de ocupación autorizado, mentres persista dita ocupación cando, tendo autorización para a ocupación da vía pública, ésta exceda do período concedido para a mesma.
A disposición transitoria establece que a emisión de copias de Informes de Inspección Técnica (ITES) atópase suxeita, mentres non se aprobe unha taxa específica, á liquidación da taxa contida no artigo 4.II.13 da Ordenanza Fiscal nº 100 que regula a taxa por expedición de documentos administrativos.
Tamén na área de Urbanismo, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a declaración de ruína de tres inmobles situados no número 35 da rúa de San Lourenzo, nunha parcela existente na parte posterior da ronda das Fontiñas, números 97-99, e nos números 11-13 da rúa Paradai de Abaixo.
Nos tres casos, ademais de declarar a situación de ruína, ordénase á propiedade presentar, no prazo de tres meses, o correspondente proxecto técnico de demolición do mesmo, coa advertencia de que, no caso de incumprimento, o Concello procederá á súa execución forzosa mediante a execución subsidiaria ou mediante a imposición de multas coercitivas de 300 a 6.000 euros reiterables ata lograr a execución das obras ordenadas.
Nomeamento da Coordinadora de Alcaldía e Servizos Xerais
Outro importante acordo que tomou hoxe a Xunta de Goberno Local foi o nomeamento de Marta López Peña como Coordinadora Xeral das Áreas de Alcaldía, Recursos Humanos e Protección da Comunidade e da de Servizos Xerais e Participación Cidadá, atribuíndolle a xestión e coordinación dos servizos e dependencias seguintes:
Na Área de Alcaldía, Recursos Humanos e Protección da Comunidade os servizos de Protocolo, Gabinete da Alcaldía e Oficina de Prensa e de Persoal, os gabinetes Médico e de Prevención de Riscos Laborais, Conserxería e Notificadores, Taboleiro de Edictos, Policía Local e os seus auxiliares, Negociado de Sancións, Sección de Policía, Tráfico e Transportes, Brigada de Sinalización Viaria, Servizo de Extinción de Incendios e Parque Móbil, Brigada e Parque de Maquinaria adscritos á Zona Rural.
Na Área de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Oficina de Información e Atención ó Cidadán-Participación Cidadá, negociados de Consumo e Oficina Municipal de Información ó Consumidor e de Rexistro e Información, así como a Sección de Estatística e Padrón municipal e o Negociado de Cemiterio.
Compartir: