Imprimir

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA OFRECE MAÑÁ O PRIMEIRO CONCERTO DO FESTIVAL DE MÚSICA DE LUGO-XLI SEMANA DE MÚSICA DEL CORPUS QUE ORGANIZA O CONCELLO


30/5/2013 Ivor Bolton dirixirá a Orquestra que vai interpretar, no Círculo das Artes, pezas de Beethoven, Hindemith, Stravinsky e Haydn

Tosod os concertos do festival de música clásica decano de Galicia son de entrada gratuíta

Ivor Bolton e a Real Filharmonía de Galicia serán os encargados de inaugurar mañá o Festival de Música Cidade de Lugo-XLI Semana de Música do Corpus, que organiza o Concello, a través da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, coa colaboración da Deputación provincial e da Sociedade Filarmónica de Lugo.

Logo dun pequeño prólogo que estivo a cargo dalgunhas corais lucenses, o Festival comeza este venres cun interesante programa formado por pezas de Beethoven, Hindemith, Stravinsky e Haydn. O concerto terá lugar ás 20.30 horas, no Círculo das Artes.

Ivor Bolton é un dos directores de orquestra máis versátiles e activos de Inglaterra, é o Director Principal da Orquestra del Mozarteum de Salzburgo e con ela aparece cada ano no Festival de Salzburgo e en xiras por todo o mundo, dirixe regularmente no Covent Garden, Glyndebourne, na Ópera National de París, Bayerische Staatsoper, Maggio Musicale Fiorentino e no Lincoln Center de New York.

O decano dos festivais galegos de música clásica, tradicionalmente coñecido como Semana de Música do Corpus, está avalado polos corenta e un anos de historia. Grazas a el pasan por Lugo cada ano algunhas das grandes figuras do panorama musical internacional e nesta edición contará, ademais, con intérpretes da talla de Felicity Lott, María Espada, Joana Seara, Martín Oro ou o pianista Boris Berman e agrupacións como a orquestra barroca Vespres d´Arnadí, La Tempestad, ou o Ludovice Ensemble de Lisboa.

O Festival consta este ano de once concertos, todos de entrada gratuíta, que compoñen un programa heteroxéneo  deseñado partindo dunhas premisas básicas de calidade e variedade. Os recitais líricos e os concertos de música sinfónica e de cámara terán lugar en diferentes espazos da cidade, como o Círculo das Artes, o MIHL, a Capela de Santa María, o Cemiterio de San Froilán, o Auditorio Gustavo Freire, a Casa do Saber ou a Igrexa de Santiago a Nova.

A Ivor Bolton e a Real Filharmonía de Galicia seguiranlles Massimo Spadano e a Camerata Boccherini, o sábado, 1 de xuño, na Capela de Santa María, que interpretarán pezas de Vivaldi, Brescianello, Couperin e Haendel. O mesmo sábado, 1 de xuño, na Praza Maior desenvolverase unha xornada de música na rúa, con actuacións de pianistas e alumnos de conservatorios e escolas de música, en horarios de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

O pianista Boris Berman ofrecerá un recital o luns, 3 de xuño. A orquestra barroca Vespres d´Anardí, con María Espada, Martín Oro e Furio Zanasi ofrecerán La Nemica d´Amore fatta Amante, de Bononcini o día 4 de xuño; mentres que La Tempestad ofrecerá un programa con sinfonías de Haydn e Mozart o día 5 de xuño. O pianista lucense Xoán Elías Castiñeira interpretará as Variacións Goldberg, de Bach, nun concerto-conferencia en homenaxe a Rosalyn Tureck o día 6 de xuño, e varios grupos do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo actuarán nun programa doble de danza clásica e contemporánea no Auditorio Gustavo Freire o día 7.

O Festival continúa o día 8 con dous interesentes actuacións: Il Combattimento co programa “Pavana dolorosa. Músicas do XVI: Holborne, di Lasso, Jaquenin…”, no Cemiterio de San Froilán, e o Grupo Vocal Sólo Voces, coa Missa pro defunctis a 5, de Cristóbal de Morales, na Igrexia A Nova.

Pechan a programación Joana Seara e o Ludovice Ensemble de Lisboa, coa “Música para a Corte de Lisboa”, o día 10 de xuño; un recital de Felicity Lott o día 11, e o In Black Cage Ensemble, con pezas de Stockhausen, Xenakis e Alberto Posadas, o día 12 de xuño.