Imprimir

A XUSTIZA VÓLVELLE DAR A RAZÓN Ó CONCELLO NUN PLEITO POLO ANTIGO MATADOIRO MUNICIPAL


6/6/2013 Unha sentenza do Xulgado do Contencioso facilitará o cobro da débeda contraída pola empresa Frimiño coas arcas municipais, que ascende a case un millón de euros

O Xulgado desestimou un recurso contra a resolución do Tribunal Económico Administrativo do Concello pola que se declarou a responsabilidade subsidiaria da administradora de feito de Frimiño 


A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, felicitouse hoxe por unha resolución xudicial que lle dá a razón ó Concello e facilitaralle á administración local o cobro da débeda de case un millón de euros contraída coas arcas municipais pola empresa Frimiño, que xestionaba o antigo Matadoiro municipal.

A sentenza ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Lugo desestimou un recurso presentado contra a resolución do Tribunal Económico Administrativo do Concello pola que se declarou a responsabilidade subsidiaria da administradora de feito de Frimiño.
 
Esta empresa chegou a acumular unha débeda coa Facenda local de 975.819,77 euros polo impago tanto do canon contractural como de distintos impostos municipais, o que levou ó Concello a resolver o contrato que mantiña con ela, dados os graves e reiterados incumprimentos das súas obrigas económicas. 

Desde ese momento, os servizos económicos do Concello emprenderon unha prolongada batalla para tratar de recuperar eses cartos e enfrontáronse a moitas dificultades porque nesta empresa empregábanse artimañas como a utilización de "homes de palla", persoas que non tiñan nada que ver coa empresa, nin sequera residían en Lugo, e que eran insolventes, aínda que figuraban como administradores. Con este truco o que se pretendía era eludir o pago das obrigas económicas co Concello.

Sonia Méndez explicou que os servizos económicos municipais, logo dun intenso traballo de investigación, foron quen de reunir as probas necesarias para desmontar ese entramado e demostrar a responsabilidade como administradora de feito de Frimiño dunha muller que non figuraba como tal, algo que vén confirmar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2.

A Concelleira de Economía manifestou que “esta resolución xudicial é de suma importancia porque lle permite ó Concello dirixirse contra os bens actuais e futuros dos administradores de feito e poder recuperar así os cartos adebedados”.

Méndez lembrou que o Concello xa recibira o respaldo da Xustiza noutro pleito relativo a Frimiño, cando ditaminou que non tiña que facerse cargo do plantel de persoal da empresa e salientou que esta nova sentenza mesmo lle abre a porta á Seguridade Social coa que tamén ten contraídas débedas a empresa.