Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello crea un espazo para o enterramento de cinzas no Cemiterio de San Froilán


# Venres, 07/06/2013
 O Alcalde e o Concelleiro de Servizos Xerais inauguraron o Xardín dos Arumes, un espazo no que medran distintos arbustos aromáticos

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
 Mañá haberá unha visita histórica e un concerto da Semana de Música do Corpus na Capela do Cemiterio de San Froilán

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez inauguraron hoxe o Xardín dos Arumes, un novo espazo que se habilitou no Cemiterio de San Froilán con arbustos aromáticos onde se poderá realizar o enterramento de cinzas.
O Alcalde explicou que a posta en servizo do Xardín dos Arumes inscríbese nas melloras que se veñen realizando no Cemiterio municipal e lembrou que, na última Xunta de compras, aprobáronse obras por un importe aproximado dunhos 30.000 euros que van dirixidas tanto á rehabilitación de cunetas como  á reparación da cuberta dos nichos (estas parcialmente a cargo das persoas concesionarias), que teñen como finalidade manter nun axeitado estado de conservación e limpeza o recinto do cemiterio, en consonancia coa súa promoción turística e  o impulso da súa  proxección europea.
 
López Orozco sinalou tamén que o Xardín dos Arumes é “un novo espazo de paz, de encontro e lembranza para  todas as persoas que se acheguen ao recinto do camposanto e que  ou ben decidan decidan optar por este modo de enterramento para os seus seres queridos ou ben simplemente decidan achegarse a el  para pasear, disfroitar do recendo e estar máis perto das súas lembranzas e da súa historia”.
Trátase dun xardín disposto con arbustos aromáticos, como son a lavanda ou azaia e o romeu. O pé de cada un deles poderase realizar o enterramento de cinzas, nos pequenos depósitos construídos para esa finalidade, por un período determinado. A duración deste e demais condicións recolleranse no novo Regulamento de cemiterios que está en trámite e que en breve prazo se aprobará, segundo explicou o Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá.
Neste primeiro ano, a súa utilización será gratuita, co fin de promover o bo acollemento desta opción de enterramento entre a cidadanía.
Coa incorporación deste novo tipo de enterramento preténdese dar un paso máis na xa liña de integración dos cemiterios na vida social e cultural das  cidades e tamén na vida emocional dos seus habitantes.
Manuel Núñez tamén anunciou que mañá, ás 19.30, celebrarase na Capela do Cemiterio de San Froilán un concerto do II Combattimento, conxunto de ventos históricos, que forma parte do programa do Festival de Música Cidade de Lugo-XLI Semana de Música do Corpus.
Previamente, ás 19.00 horas, haberá unha visita histórica, sen inscrición previa, ó Cemiterio. Precisamente, o Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá explicou que desde o mes de abril xa se realizaron varias visitas históricas nas que participaron almunos da Universidade e tamén grupos de cidadáns e lembrou que para participar neste tipo de visitas basta con solicitalo chamando ó teléfono 010 de atención cidadá do Concello de Lugo.
Outras actuacións 
Nos últimos anos o Concello de Lugo está a dar un importante impulso ao cemiterio municipal de San Froilán de cara á súa orientación hacia as novas tendencias de integración dos cemiterios na vida social e cultural das cidades, así como á potenciación do seu aspecto máis emocional e achegado á cidadanía: a confluencia dos diferentes sentimentos e emocións que nos inundan en cada visita, en cada paseo, en cada encontro coas nosas lembranzas e coa nosa propia historia individual, e que conforman a historia colectiva e a memoria histórica da cidade.
Dentro destas actuacións, cómpre lembrar:
A recente exposición de fotografías de cemiterios da Ruta de Cemiterios Históricos Europeos, Eucemet Cemiterios europeos: Xardíns de Almas, Diversidade e Patrimonio,  na que o noso cemiterio tivo unha importante presenza,  que se realizou no MIHL e que foi posible grazas a un convenio de colaboración co Concello de Avilés.
Esta exposición, que tivo unha excelente acollida entre a cidadanía, actualmente está  en Barcelona, onde se inaugurará proximamente, estando asegurada unha importante presenza do noso cemiterio, o cal tamén contribúe á súa difusión e divulgación.
Este evento tivo eco tamén a nivel europeo na páxina da Asociación de Cemiterios Significativos europeos, na que ademais se publicou algún artigo de colabouración deste Concello.
Presenza, con audiovisuais e material divulgativo, do cemiterio municipal de San Froilán na “Encrucillada de Europa.Touluse 2013 -Rutas culturais entre o desenvolvemento local e a identidade europea” evento promovido pola Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Empresa e Industria, co que se trata de poñer en relevo a importancia dos itinerarios culturais europeos no desenvolvemento dunha forma de turismo fundamentado no respeto do medio ambiente, a cultura e as poboacións.
Tamén cómpre falar dos novos proxectos de inversión no cemiterio que teñen por obxecto o mantemento e a mellora das súas infraestruturas e que, aínda que nos últimos anos sofriron os recortes da crise económica, seguen tendo un lugar importante para o seu impulso e proxección externa.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova