Cargando....
Concello de Lugo
27/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acolle os actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento


# Domingo, 09/06/2013
O Alcalde de Tui fixo a Ofrenda no nome das sete cidades do Antigo Reino de Galicia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Delegado Rexio pediu esperanza e folgos para saír da crise económica e social que se está a vivir


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá nos actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha cerimonia que se repite cada ano na nosa cidade desde 1700.

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, foi o encargado de facer este ano a Ofrenda na representación das sete cidades do Antigo Reino de Galicia á que respondeu o Bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro.

Os actos comezaron ás 11.15 da mañá na Casa do Concello, onde o Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por outros membros da Corporación Municipal, recibiu ó Oferente e ós representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia así como ó resto das autoridades que asistiron á cerimonia.

Nos actos estiveron presentes o Alcalde de Santiago, Ángel Curras; o Alcalde de Ourense, Agustín Fernández Gallego; asi como os Tenentes de Alcalde da Coruña, María Luisa Cid Castro; Tenente Alcalde de Betanzos, María Barral Varela, e de Mondoñedo, Modesto Díaz García. Tamén asistiron o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, o Comisario Xefe Provincial de Lugo, Manuel Teijeiro Sande; o Contralmirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Antonio Pintos Pintos; o Secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro; o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Angel Cadenas Sobreira; así como a Deputada Pronvincial da Deputación de Lugo; Pilar García Porto, e o representante das Deputacións da Coruña, Jacobo Fernández García, e de Ourense, Rosendo Luis Fernández Fernández entre outras autoridades.

Logo de asinar no Libro de Honra do Concello, no despacho da Alcaldía, o Alcalde de Tui, que estivo acompañado de varios membros da Corporación, agradeceulle “ó Alcalde, a acollida magnífica que recibín xa que é unha honra participar nun acto e lembrar a nosa historia”. Pola súa parte, o Alcalde de Lugo lembrou a importancia desta histórica Ofrenda que fan as sete capitais do Antigo Reino de Galicia. “É un pracesr recibirvos nesta cidade e nun acto cunha longa tradición que nos recoñece como dentro da historia”, subliñou López Orozco.

O acto civil, celebrado na Casa do Concello, rematou co intercambio de agasallos institucionais. O Alcalde de Lugo entregoulle ó de Tui unha peza de cerámica e recibiu unha reprodución da Igrexa-Catedral de Tui. Deseguido, formouse a comitiva que se dirixiu ata a Catedral, entre as numerosas persoas que se congregaron na praza Maior.

Durante os actos relixiosos, o Alcalde de Tui leu a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na que expresou que “conservar esta tradición é tamén reivindicar a nosa propia identidade que non é posible entender sen as raíces da fe cristiá que dende o rei suevo Rekiario, o primeiro monarca de Europa que se declara cristián arredor do ano 450, os galegos asumimos como un valor perdurable.  Cómpre non esquecer esta dimensión da nosa historia, pois unicamente dende estes valores auténticos, herdados dos nosos antepasados, podemos construír o noso presente e cimentar solidamente o futuro.”

O Oferente fixo unha referencia a actual situación económica e sinalou que “os galegos confiamos hoxe, como hai máis de tres séculos, nesta vosa tutela e axuda. Naquel século XVII fronte ás pestilencias, que castigaban á poboación, só acolléndose á vosa proverbial salvagarda atopaban esperanza e consolo. Hoxe son outras as angustias nas que vivimos, as pestes que nos afectan. Vivimos hai xa varios anos nunha profunda crise económica que a todos nos empobrece cada día”.

Tamén destacou que “queremos rogarvos, ante todo, polos numerosos fillos desta terra que están sen traballo, especialmente polos nosos mozos que unha vez rematada a súa formación carecen de posibilidades de iniciar a súa vida profesional e a súa traxectoria persoal, o que suscita a súa frustración profunda e a procura de novas expectativas lonxe da súa terra”. 

Non só a crise económica senón que tamén se lembrou dos sectores máis vulnerables da sociedade como mulleres vitimas de violencia de xénero ou as persoas maiores. Así, “neste tempo de crise son moitos os que padecen necesidade, os que sofren polo paro, pola incerteza da continuidade no seu traballo, pola inseguridade no futuro, pola falta de vivenda, polas estafas padecidas nos seus aforros, porque tiveron que deixar a súa terra ... por todos eles suplicámosvos”.

Ademais, o Delegado Reixo pediu folgos “para neste tempo de recesión atender aos que padecen as súas consecuencias. Suplicamos que nos ilumines especialmente para promover un novo orde, a nivel global e local, a nivel colectivo e persoal, para pasar dunha cultura deshumanizada a unha cultura da solidariedade. Porque esta crise que hoxe vivimos non é só de carácter económico e financeiro, senón que fai agromar outra crise mais profunda. Vivimos nun mundo cada vez máis deshumanizado, que reduce a dimensión antropolóxica do home.”

Para rematar a Ofrenda, o Alcalde de Tui pediu “ sabedoría a todos os que ocupamos postos de responsabilidade nalgunha área de goberno nos nosos municipios, en Galicia, en España e en Europa, para traballar, con rectitude, na procura dunhas políticas sociais e económicas que contribúan ao progreso, á superación das inxustizas, á atención das necesidades de calquera persoa, en definitiva, ao ben común”. 

O Bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, que presidiu os actos relixiosos, nos que tamén participaron o Arcebispo de Santiago de Compostela e os Bispos das Dioceses de Galicia, foi o encargado de responder á Ofrenda. Destacou na súa resposta que “a Igrexa forma parte esencial de todos os acontecementos actuais polo que non se pode perder a devoción eucarística” e salientou que “o Señor darános folgos e xenerosidade para afrontar as situacións de dificultades nas que vivimos.Nesta celebración lembramos cómo a Eucaristía forma parte das raíces da nosa identidade para consolidar o proxeto de Deus na historia da nosa comunidade”.


Os actos remataron cunha procesión pola Praza Maior.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova